Tal e como ven sendo habitual estes últimos anos, e xa co verán bastante avanzado, as bolboretas nocturnas convertéronse nas verdadeiras protagonistas da nosa xa tradicional noite de avelaíñas nas Gándaras de Budiño.
Moitos foron os exemplares de macro e micro heteróceros que viñeron a visitarnos ao pano branco atraídos irremediablemente pola luz, entre eles Lymantria monacha, Laothoe populi, Amphipyra pyramidea, Hoysia codeti… así ata completar un listado de máis de 50 especies.
Xunto a elas, un trío de ropalóceros ou bolboretas diurnas, pasaban a noite ao noso carón descansando en cadanseu pousadoiro: Pyrgus malvoides, Boloria selene e Melitaea parthenoides. Varias arañas, eirugas de Phalera bucephala e dalgunha especie de xeométrido, ou un fermoso exemplar de Mantis religiosa completaron as nosas observacións nesta agradable noite de verán a carón do río Louro, pero para mostra… que mellor que estes 63 botóns?
Moitas grazas a tódolos participantes e as persoas que fixeron posible esta xornada. Cunha mención especial para Pablo González que construiu un novo prototipo de iluminación con LEDs de distintas lonxitudes de onda para os compañeiros da Sección de Entomoloxía.