SGHN manifesta a súa posición oficial sobor da emerxencia climática. SGHN ten apoiado por responsabilidade outros posicionamentos sobre este tema, aínda que manteñamos certas discrepancias de estilo e contido. A gravidade da situación fai necesarias actuacións decididas e empurrar no mesmo senso para reconducir a actual situación.
SGHN decidiu adoptar a declaración de Cedamia (Australia). Nen é a máis extensa, nen a máis esixente, pero é unha das máis integradoras. Trátase de unirnos, sen caer en detalles que fan perder o obxectivo: reverter o cambio climático.
A todos os responsables de calquera nivel de goberno.
Dado que:
- Os impactos climáticos xa están causando graves perdas de vida e destruíndo ecosistemas vitais.
- A temperatura media mundial, os gases de efecto invernadoiro e a acidez dos océanos xa están en niveis perigosos e
- As mobilizacións económicas en época de guerra demostraron a rapidez con que as nacións poden reestruturar as súas economías ante unha ameaza extrema.
É inescusable continuar coas políticas que danan o clima que nos poñen a todos nun gran perigo. O obxectivo de 1,5 °C do Acordo de París non é un obxectivo seguro.
Facemos un chamamento a todos os responsables políticos de calquera estamento do goberno, central, autonómico ou local de calquera índole para que:
- Declaren emerxencia climática.
- Se comprometan a ofrecer a máxima protección para todas as persoas, economías, especies, ecosistemas e civilizacións e a plena restauración dun clima seguro.
- Mobilizar os recursos necesarios e tomar medidas efectivas á escala e velocidade necesarias.
- Transformar a economía a unha de cero emisións e contribuír de xeito xusto á redución do exceso de dióxido de carbono no aire.
- Animar a todos os demais gobernos de todo o mundo a tomar estas mesmas medidas.
Alcanzáronse grandes retos no pasado cando se declararon situacións de emerxencia, coa cidadanía e os políticos de calquera opción xunguidos traballando xuntos polo ben común.
Facemos un chamamento a todos os niveis de goberno para que fagan o necesario agora.
Para saber algo máis deste tema, podes buscar noutras fontes (wikipedia), estado do clima 2018 e páxinas como a da declaración de emerxencia climática, BBC, mobilización polo clima, ou en España a de Ecologistas en Acción, que, sen compartir plenamente, apoiamos por responsabilidade.