Espazo profundo: o casco de Thor

Na constelación de Canis Major a uns 8 grados ao noreste da estrela Sirius, atópase unha nebulosa coñecida no Novo Catálogo Xeral como NGC 2359.

Ten un tamaño de 30 anos luz e atópase a unha distancia de 12.000 anos luz de nós. É coñecida como o Casco de Thor, dado que a súa forma de burbulla e filamentos laterais aseméllanse ás representacións do casco do deus nórdico Thor. Tamén é coñecida como a Nebulosa do Caracol.

NGC 2359 é unha nebulosa de emisión, que funciona cunha estrela Wolf-Rayet (WR7), que son estrelas moi quentes e extremadamente masivas, nunha etapa previa a supernova, que é o seu futuro relativamente próximo. Esta estrela está situada no centro do casco, crese que é aproximadamente 280,000 veces máis brillante que o Sol, 16 veces máis masiva e cunha temperatura superficial de 112.000ºC, estímase que a súa idade é de aproximadamente 20 millóns de anos. A forma de burbulla é debida aos fortes ventos estelares de alta velocidade, que arrastran partículas cargadas moi rápidas, principalmente protóns, a velocidades ao redor de 1.545 qm/s.

Pódese ver mediante telescopios pequenos, aínda que só aparece como unha pequena mancha difusa. Pero como sempre vos invitamos a vela na foto obtida polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da Sección de Astronomía da SGHN.

O Casco de Thor