Novo traballo de investigación dende o MHN

Acaba de saír publicado un novo artigo que dá a coñecer a localización de dúas especies de coleópteros (escaravellos) raros para Galicia, que foron atopados no xardín do Museo de Historia Natural en Ferrol nun traballo de seguimento da fauna micófaga e saproxílica.

De maneira recente (29/06/2023) saíu publicada taén unha nota, de Pablo Torrella (MHN-SGHN) e José Manuel Diéguez (Colección de Artrópodos do Museu de Ciències Naturals de Barcelona), sobre a presenza nova para Galicia de Biphyllus lunatus, un pequeno coleóptero que foi localizado tamén durante as mostraxes no xardín da parcela do Museo de Historia Natural da SGHN (Ferrol, A Coruña).

O novo traballo, dos mesmos autores, recolle a presenza de dúas especies raras no mesmo espazo: Torrella, P & Diéguez-Fernández, J.M. 2023. Phenolia (Lasiodites) tibialis (Boheman, 1851) y Epuraea (Haptoncus) ocularis Fairmaire, 1849 (Coleoptera, Nitidulidae), dos especies exóticas localizadas en Ferrol (Galicia, NO de la Península Ibérica). Arquivos Entomolóxicos, 27: 41-48. A meirande parte das especies de escaravellos da familia Nitidulidae teñen unha bioloxía vencellada nas súas diferentes fases a fungos lignícolas e a materia en descomposición (en forma de froita amoreada, humus, compost, etc). Ao igual que no caso anterior, algún destes insectos apareceu vencellado ao fungo Daldinia concentrica (Bolton), sendo tamén especies moi escasamente coñecidas polo seu pequeno tamaño e por ter unhas formas de vida discretas e baixo unhas condicións moi limitadas e especiais.

Epuraea (Haptoncus) ocularis
Phenolia (Lasiodites) tibialis

Para estes estudos cóntase coas pertinentes autorizacións anuais da Xunta de Galicia (D.X. de Patrimonio Natural) e os materiais biolóxicos quedan depositados nos fondos do MHN-SGHN. A publicación en revistas especializadas axuda a difundir o interese científico das coleccións do MHNF, alén do seu propio valor divulgativo. Estas actividades do MHN-SGHN son froito do convenio coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol, e tamén son posibles grazas ás cotas das persoas socias da SGHN, así como polas doazóns do público visitante do museo.

Coa túa membresía, a SGHN pode manter o apoio ao museo, a investigación, a divulgación e a protección do medio ambiente.