Noite de Avelaiñas no Puzo do Lago (Maside, Ourense)

Seguimos celebrando o 50 aniversario da SGHN + GOG, desta cunha actividade adicada ás bolboretas na noite. Certamente foi unha actividade atípica posto que tivo lugar entre semana, do luns 28/08/2023 ao martes 29/08/2023, cousa nada habitual pero así se presentou a ocasión e así aconteceu.

Preparando o material e primeiras explicacións

Aínda coa luz da última hora do serán, montáronse os equipos de traballo para asegurarse de ter todo ben disposto e empezar no momento máis oportuno. Instaláronse dúas trampas de luz, unha vertical preto do arboredo e outra no chan nunha zona aberta casi sen herba para tender o pano blanco que sería obxecto continuo da atención dos participantes.

Có solpor deu comenzo a xornada e as primeiras explicacións nas que se falou do obxectivo da xornada, da diferenciación entre bolboretas “diúrnas” (ropalóceros) e “nocturnas” (heteróceros), do funcionamento das trampas de luz, da importancia de recoller e tratar todos os datos posibles, … e da obligatoriedade de dispor de autorización administrativa para o desenvolvemento da actividade.

Comezan a chegar as avelaíñas

Acompañando as explicacións, entre a sorpresa e a curiosidade dos presentes, empezaron a chegar as avelaíñas e xurdían as consultas e comentarios sobre estes primeiros exemplares.

En relativamente pouco tempo o pano blanco foise cubrindo de avelaíñas sobre as que se ían colocando envases trasparentes para conseguir retelas e tranquilizalas para a súa identificación. A identificación dalgunhas delas resultou doada pero outras precisan de maior estudio así que é necesario tomar fotografías de todos os individuos para ir tratando de identificalos con calma na casa coa axuda de diversas guías, aínda tendo en conta que para algunhas especies pode ser que haxa que conformarse unicamente có xénero.

Nun momento era tal a cantidade de exemplares que chegou a sospeitarse que as taciñas non serían dabondo para toda a noite así que con moito coidado fóronse agrupando individuos para deixar algunhas libres para os exemplares que seguían achegándose ás luces. Como a experiencia é un grado, os expertos recomendaron reservar os recipientes máis grandes por si chegaba algunha especie grande e esto foi premonitorio porque, de súpeto e para ledicia dos presentes, chegou un esfinxido que precisaba un acubillo máis amplo que as outras especies moito ou moitísimo máis pequenas, tratábase dun Laothoe populi que fixo as delicias de todos e que estivo con nós ata o final da noite.

O porqué da monocromía

Un dos aspectos que resultou máis rechamantes para os profanos é o da “monocromía” das especies de bolboretas nocturnas en comparación coas diúrnas, pero é que na noite as cores son pouco necesarias. Eso sí para levar a contraria, tamén apareceron dúas avelaíñas ben rechamantes: Euplagia quadripunctaria e Arctia caja, especies que tamén poden verse voando durante o día e, a estas alturas, xa sabemos que esta diferenciación en nocturnas e diúrnas é unha clasificación pouco técnica.

Deixando ao marxe a cor, que tanto chama a atención, resulta abraiante a variedade de  tamaños, formas, deseños, tonalidade e matices maiormente de grises/pardos/verdosos e finura dos detalles das especies, a priori, menos rechamantes como Lymantria díspar, Dysgonia algira ou Phalera bucefala.

Así avanzou a noite tratando de recoller a información suficiente para facilitar a identificación do maior número de exemplares (preme aquí para descargar o listado de especies), árduo traballo para os compañeiros especialistas que alí estiveron toda a noite ata preto das 7 da mañá mentres os participantes ían marchando aos poucos dende a medianoite.

Non queda máis que dar as grazas aos participantes, a todas as persoas que fixeron posible esta interesante actividade que axuda a coñecer algo mellor o noso entorno e sobre todo aos compañeiros da Sección de Entomoloxía da SGHN en todo momento pendentes das bolboretas… e dos participantes.

A ver si pronto podemos facer outra parecida, foi unha experiencia magnífica!