Biphyllus lunatus (Fabricius, 1787) (Coleoptera, Biphyllidae), nueva especie para Galicia (NO de la Península Ibérica)
Nesta nota científica, elaborada conxuntamente con José Manuel Diéguez da Coŀlecció d’artròpodes do Museu de Ciències Naturals de Barcelona, citamos por primeira vez para Galicia a Biphyllus lunatus (Fabricius, 1787). A nota acaba de saír publicada e podedes acceder á mesma nesta ligazón.
Biphyllus lunatus é un pequeno coleóptero da familia Biphyllidae, e foi localizado a partir dos rexistros obtidos durante unhas mostraxes no xardín da parcela onde se atopa o Museo de Historia Natural da SGHN (Ferrol, A Coruña). Na nota tamén aportamos comentarios e datos coñecidos sobre a súa distribución ibérica, así como sobre a súa bioloxía e ecoloxía.
Ao igual que a meirande parte das especies desta familia, poseen unha bioloxía micófaga vencellada nas súas diferentes fases metamórficas a fungos lignícolas como é Daldinia concentrica (Bolton), se ben estamos a falar de especies moi escasamente coñecidas, en parte posiblemente debido ao seu reducido tamaño e a unha forma de vida de hábitos discretos e vencellada sempre a unhas condicións moi especiais e limitadas.
Durante o estudo dos diferentes elementos saproxilófagos (formas de vida vencelladas á madeira en descomposición) no xardín da parcela que ocupa o Museo de Historia Natural da SGHN, realizamos varias capturas desta especie que resulta ser nova para a fauna de Galicia. Para o devandito estudo contamos coas pertinentes autorizacións anuais por parte da Xunta de Galicia expedidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
A difusión en revistas especializadas axuda a difundir o interese científico das coleccións do MHNF, alén do seu propio valor divulgativo. Estas actividades do MHNF son froito do convenio coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol, e tamén son posibles grazas ás doazóns do público visitante do museo e pola aportación en forma de cotas das persoas socias da SGHN.
Coa túa membresía, a SGHN pode manter o apoio ao museo, a investigación e a protección do medio ambiente.