Seguimos a traballar e disfrutar por A Limia
Mañán de limpeza na Veiga de Gomareite
Continuando cós compromisos adquiridos e propostas realizadas, ao longo da última fin de semana de xullo tivemos a oportunidade de ir resolvendo algunhas das cuestións pendentes.
En primeiro lugar deuse continuidade ao proxecto na Veiga de Gomareite desenvolvido con maquinaria pesada o ano 2018 con cargo ás subvencións do FEADER no cadro do PDR de Galicia 2014-2020 (máis…).
Así, desenvolveuse a limpeza en Gomareite tal como estaba previsto dentro da campaña de SEO/Ecoembes de apadriñamento de proxectos para o ano 2019.
O traballo consistíu básicamente en localizar e recoller os refugallos ciscados acá e acolá nas zonas máis remexidas polas máquinas e que afloraron có terreo xa asentado e seco. Os esforzos concentráronse nas 2,5 ha onde traballaran as máquinas e despois dunha breve descripción das labores executadas e da tarefa a desenvolver, os participantes despregáronse pola veiga na procura de residuos, sobre todo:
- plásticos de diferente tipoloxía, moitas veces bastante degradados e difíciles de retirar
- cordeis agrícolas de usos diversos
- arames
- restos de louza e enseres domésticos
- vidro
Os materiais recolléronse en sacos de esparto e como nota curiosa apuntar que os sacos eran de patacas de sementeira atopados nun vertedoiro do cal recolléronse para unha ocasión axeitada coma ésta.
Reutilizando as pedras para construir refuxios
O traballo avanzou paseniño e non sen dificultades tanto polo degradado dos plásticos como por atopar acumulacións de vidros semienterrados. Todo baixo un ceo cuberto que rematou cunha lixeira choiva que non impediu rematar a recollida. Ao mesmo tempo procurouse disfrutar da flora e fauna do lugar e levantáronse diversos refuxios de fauna mediante acumulación de pedras pequenas e medianas.
E tarde-noite de avelaíñas
Para completar a fin de semana nada mellor que aprender algo máis sobre as bolboretas da noite cos compañeiros da Sección de Entomoloxía. Nesta ocasión levouse a cabo na zona das areerias da Limia, con dous puntos de observación: un na Poza dos areeiros na proximidade de vexetación propia de zonas asolagadas fundamentalmente espadana, xuncos e diversas especies de herbáceas, e o outro na explanada entre areeiras preto de salgueiros algo protexidos do vento.
Como é habitual có avance da noite empezan a chegar as bolboretas nocturnas e mesmo algunhas outras especies tan rechamantes como Empusa pennata. Mentres os nosos expertos escrutan a contorna inmmediata localizando algúns exemplares de bolboretas diurnas e mesmo algunha ave durmindo nas inmediacións dos puntos de mostraxe.
En resumo unha fin de semana intensa, entretida e moi interesante, traballando na mellora do noso patrimonio e descubrindo algunha das súa marabillas menos coñecidas.
Moitas grazas a todos os que participaron e ás persoas que fixeron posible esta xornada, tanto aos voluntarios que traballaron arreo na limpeza en Gomareite como aos compañeiros de Sección de Entomoloxía que se achegaron onda nós toda a noite e preparáronnos, como cada ano, as estupendas e prácticas fichas resumo das especies observadas.