Outras dúas magníficas medias xornadas para disfrutar e aprender

Nada nos arredou nunha fin de semana complicada no meteorolóxico, de inverno na primaveira, e os socios e colaboradores da Delegación de Ourense desenvolvimos as actividades previstas.

Tarde de actividades na Limia

Planificando actividades e revisando outras

O sábado 06/04/2019 comezamos con choiva e aproveitamos o momento para unha posta en común de novas propostas e actividades de diferentes contidos entre as que contamos un censo de cegoñas a realizar neste ano 2019 ou un certame de fotografía sobre as nosas amigas as árbores coa finalidade de editar un calendario do 2020.

Aproveitando un claro e antes do acto central do día, xiramos visita rápida á zona das areeiras para comprobar o estado dos últimos traballos de control de especies exóticas invasoras, traballo que semella empezar a dar algún froito, pero que aínda necesita doutras intervencións … máis adiante.

Presentación de “Aves da Limia” en Vilar de Santos

E xa directos ao Museo da Limia en Vilar de Santos para o acto central da xornada vespertina: a presentación de libro “Aves da Limia” (pedidos a avesdalimia@antela.org). Esta obra monumental recolle en dous volumes, 674 páxinas, 110 mapas de nomes vernáculos e 270 fotografías o máis amplo e exhaustivo traballo de investigación sobre a avifauna da Limia, realizado entre 1975 e 2017 por tres membros históricos da SGHN: Antonio Villarino, Felipe Bárcena e Serafín González.

Presentación de “Aves da Limia” no Museo da Limia de Vilar de Santos
O pasado e o presente

Esta obra é herdeira do espírito solidario de “Antela, a memoria asolagada” cós beneficios da cal puidose editar esta nova publicación. Así mesmo, os beneficios derivados da venda de “Aves da Limia” adicaranse íntegramente á conservación e recuperación de ecosistemas acuáticos e forestais na Limia, como os que está a desenvolver SGHN-Sección Antela no Humidal Antonio Villarino, na Veiga de Gomareite e os que se poñan en marcha no futuro.

A presentación contou con dúas partes. Na primeira Antonio Villarino achegou aos participantes tanto ó contido como ó xeito de interpretar a información plasmada nos mapas de nomes vernáculos e de distribución/abundancia das especies.

Un futuro posible

Na segunda Serafín Gonzáles fixo un repaso aos principais proxectos da SGHN có obxectivo de actuar na recuperación dos hábitats para asegurar a conservación de diversas especies. Un traballo para o cal é imprescindible o apoio e disposición desas persoas que pensan que outra Limia é posible. Persoas entre as que ademáis dos voluntarios figuran agricultores, empresarios e gandeiros locais cós que SGHN ten asinados acordos de custodia do territorio en diferentes puntos da comarca, con beneficios mútuos.

Neste punto salientar que dende febreiro asinamos có Bantegal o contrato de aluguer doutros 40 predios e que xa estamos a preparar unha nova campaña de apadriñamento de parcelas. Como se comentou na charla, SGHN ten interese en atopar agricultores e/ou gandeiros interesados para acadar novos acordos de custodia do territorio buscando a conciliación das actividades agrogandeiras coas de conservación da biodiversidade.

Arborado do Campus de Ourense

E có bon sabor de boca da tarde anterior, na mañá seguinte, DOMINGO 07/04/19, xuntámonos no CAMPUS DE OURENSE.

O grupo de arboreo urbano organizou a 3ª xornada para coñecer algúns dos espacios verdes senlleiros da nosa cidade, neste caso o Campus de Ourense guiados polo noso consocio D. Vicente Rodríguez Gracia e acompañados por D. José Manuel Pérez Teijeiro técnico responsable deste espacio.

Un pouco de historia

A xornada comezou cunha breve introducción sobre os avatares históricos deste e doutros espacios sanitarios da nosa cidade. Asiña fixamos a atención sobre os primeiros exemplares plantados: os cedros centenarios e as novas incorporacións como o Cedrus brevifolia. Este é un dos contados lugares onde a cidadanía pode disfrutar das 4 especies deste xénero.

Seguimos cunha especie do máis frecuente nos parques de Ourense: o plátano de sombra (que non plataneira) e as dúbidas sobre a súa identificación botánica dende Platanus hispanica, P. acerifolia, P. hybrida, … Despois unha especie presente na contorna de Ourense e Valdeorras: o Celtis australis (lidueiro ou virgondoiro) ao cal se asocia unha mariposa relativamente escasa, a Libythea celtis. Logo pasamos a outras moitas especies difíciles de atopar e as veces complexas de implantar e manter no xardín porque non consiguen aclimatarse as condicións climáticas ou edáficas. O Campus hoxe ten unha grande importancia botánica coa presenza de máis de 350 especies arbóreas e arbustivas.

Unhas especies en flor e outras xa non

Claro está que as especies que hoxe están coa flor foron obxecto de moitas miradas e moitas fotos. Destacan os nosos guías a fermosura, porte e densidade das cerdeiras de flor, variedades inxertadas de xardinería como Prunus serrulata ou P. subhirtella ou a delicadeza da Prunus padus, especie autóctona moi escasa e localizada.

Comentan os nosos guías que algunhas das especies xa floreceron pero tamén o extraordinario da presenza e a diversidade doutras, por exemplo de arces xaponeses e magnolias. Pero non só hai árbores e arbustos, as “herbas” tamén teñen o seu lugar destacando algunhas como Iris, Narcissus ou Alium. Mesmo o fento arbóreo Dickinsonia antarctica.

Ás veces xurden conflitos entre árbores e intereses humáns

Ao longo do percorrido coméntase a complexidade do tratamento das árbores máis grandes en relación a seguridade dos ben e das persoas e o difícil que é tomar algunhas decisións que poden ir desde a tala ata o desmochado. Claro exemplo do primeiro foi a tala dos chopos polo risco para os chalés colindantes e a responsabilidade da Universidade en caso de accidente (aínda sabendo que os chalés construíronse estando xa as árbores medradas). Neste caso a tala serviu de campo de ensaios para a implantación de algunhas especies de setas comestibles nos tocóns facendo un tratamento de inoculación tal e como nos conta Teijeiro. Unha experiencia que semella estar dando algúns froitos e mesmo algunhas persoas recolectan as setas para comer.

Xa se pronosticaba a primeira hora que había que aproveitar ben o tempo posto que a previsión daba choivas a partires de medio día. Así foi polo que observamos rápidamente a zona das araucarias, especies de coníferas singlulares que son orixinarias de Sudamérica,  Nova Caledonia, Nova Guinea e Australia. Para rematar cun xove exemplar de Brachychiton populneus ou árbol botella tamén de orixe australiana e da mesma familia que o cacao e da que hai no xardín do Posío una interesante aliñación na terraza central.

Esta visita, coas anteriores, deixan de manifesto que os espazos verdes da nosa cidade agochan moita diversidade botánica que os fan merecedores de atención e conservación.

Nova ameaza para arborado urbán de Ourense

Nesta xornada coñecimos de primeira mán un proxecto que vai desenvolverse no parque do Couto e que afectará a unha parte dos elementos vexetais presentes no xardín para instalar infraestructuras deportivas. Desde SGHN este tipo de actuacións non é entendible e amosa a escasa sensibilidade das administracións fronte aos escasos pulmóns verdes da nosa cidade, neste caso un parque entre estradas e cunha considerable intensidade de tráfico; aínda máis cando, pensamos, poderían buscarse alternativas. E para deixalo claro, non decimos que non se fagan as infraestruturas sinon que se estudien as diferentes alternativas antes de cortar polo sán e optar pola solución máis sinxela sen consultar siquera coa veciñanza e os usuarios dos parques e sen respetar as árbores. O noso Grupo de Arboredo Urbano vai seguir traballando o tema.

E, pola nosa parte, xa estamos a preparar máis actividades para todos os nosos socios, e os amigos que queiran acompañarnos … ATA PRONTO