Pastoreo en zonas queimadas: carta aberta de SGHN á Conselleira de Medio Rural

Sra. Conselleira do Medio Rural

Como xa manifestamos en 2012, cando como agora se plantexou un permiso excepcional para o pastoreo en terreos queimados, SGHN ve con grande inquedanza as novas de prensa destes días en varios medios de comunicación có título “La Xunta permitirá pastorear en zonas quemadas en los incendios”.

Antes de nada, SGHN considera preciso deixar ben claro que a gandería extensiva ou semi-extensiva, sostible e respetuosa co medio, é tan necesaria para a viabilidade e o futuro demográfico e socio-económico do medio rural galego, como imprescindible para a conservación da paisaxe tradicional e a biodiversidade en Galicia. Así o entende SGHN, que colabora activamente con 4 gandeiros en extensivo, que NON empregan o lume, noutros tantos concellos de Ourense, a provincia de España máis castigada polos incendios.

Pero non se pode esquecer que os datos de investigadores, forzas de seguridade, fiscalía e Ministerio coinciden en que 9 de cada 10 lumes en Galicia son provocados e que 2 de cada 3 con causas coñecidas están relacionados co sector agro-gandeiro. Para evitar calquera equívoco ou terxiversación malintencionada, compre deixar ben claro que estes datos NON queren dicir que 9 de cada 10 galegos sexan incendiarios, nin tampouco que o sexan 2 de cada 3 agricultores ou gandeiros.

Vaca pacendo nunha zona queimada do Macizo Central ourensán.

Xa que logo, no presente caso tan grande sería o erro de criminalizar como incendiarios a todos os gandeiros, como o de dar “barra libre” para o pastoreo en todas as zonas queimadas, admitindo unha excepcionalidade que non é tal (**). Cun símil moi gandeiro, cumpre separar as churras das merinas e as ovellas negras das que non o son, e así outorgar axudas (e excepcións se fixeran falla) aos gandeiros respetuosos, sen cair nun perverso “café para todos”. De non facelo, corremos o risco de comezar un círculo vicioso de “máis lumes – máis axudas e menos limitacións -máis lumes” que viría a potenciar a economía do lume impulsada hai trinta anos coa dinámica de “máis lumes – máis gastos en extinción – máis lumes”. De feito nestes momentos, moitas das parroquias de maior incidencia incendiaria reciben máis cartos e son obxecto de máis intervencións que as que non os sufren, o cal é cando menos inxusto e contraproducente.

SGHN, como ben debe vostede saber, leva unha morea de anos traballando na problemática dos incendios forestais e avaliando as súas repercusións presentes e futuras. Neste contexto DESEXAMOS CONVIDALA a vostede, e como non, aos seus asesores e equipo de traballo á charla aberta que sobre os incendios forestais vaise desenvolver no salón de actos Museo do Pobo Galego o vindeiro sábado 10 de marzo de 2018 ás 12:30 dentro dunha xornada de traballo da SGHN.

** Rememorando a vaga de lumes de 2012, semella oportuno lembrar a intervención da parlamentaria do PP Dª Emma Álvarez Chao o día 18/04/2012 na Comisión do Parlamento de Galicia referida á situación do Macizo Central ourensá, pero extrapolable a moitas áreas da nosa xeografía: “Esta situación que se dá no Macizo Central ourensán non é nova nin provocada polos incendios de outubro, como se quere facer ver, senón que se vén arrastrando dende fai anos, polo tanto, non é unha situación excepcional, senón que é sistemática, polo que ao xuízo deste grupo, non procedería outorgar a excepcionalidade que recolle o artigo 43.2 da Lei 3/2007 para permitir o pastoreo nas zonas queimadas. Non se teñen acreditadas perdas de difícil reparación nin inexistencia de alternativas dentro da mesma comarca, dende a data dos incendios séguese pastoreando xa que existen moitas áreas non afectadas e de ser o caso poden negociarse novas áreas de pastoreo cos propietarios dos terreos”.