Piscina fluvial de Lugo: Ditamen do Comité Científico da UNESCO

Valores ambientais en perigo

O pasado mes de xuño SGHN solicitou ao Comité Español do Programa Persoa & Biosfera que elaborase un informe sobre a compatibilidade do proxecto de praia fluvial promovido polo Concello de Lugo na Reserva da Biosfera Terras do Miño cos obxectivos e fins que deben levarse a cabo nunha zona núcleo (máis…). Cabe salientar queo ámbito do proxecto está documentada unha elevada biodiversidade, incluindo unha importante colonia de bivalvos de auga doce de tres especies (Margaritifera margaritifera, Unio delphinus, Potomida littoralis), as dúas primeiras protexidas ao igual que as plantas acuáticas Luronium natans e Nymphoides peltata e o peixe espinoso (Gasterosteus aculeatus).

SGHN ven de recibir o informe elaborado polo Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da UNESCO, que o aprobou na reunión celebrada o 26-07-2023.

O informe completo, que respalda totalmente os argumentos de SGHN, pódese ver nesta ligazón e a súa “Valoración final” transcríbese íntegramente a continuación.

Valoración final do Comité Científico Español da UNESCO

A transformación dun corredor fluvial que mantén unha importante naturalidade e diversidade nunha zona de baño (praia fluvial) destinada a dar servizo a unha poboación urbana dificilmente pode ser considerada como unha actividade positiva ou compatible cos obxectivos de conservación dunha zona núcleo. Pola contra, constitúe unha acción destrutiva sobre o corredor fluvial cuxos efectos se prolongan máis aló da área onde se sitúa a zona de baño. Para os efectos directos derivados polas instalacións dos pantaláns e piscinas flotantes (redución e alteración do hábitat fluvial, afección directa e indirecta sobre especies protexidas), únense as vinculadas coa súa explotación (incremento de ruído, pisoteo, residuos, facilitación de dispersión de especies exóticas invasoras, etc). O que obriga a considerar que os requirimentos para asegurar un estado de conservación favorable dos hábitats e as especies de flora e fauna que viven no corredor ecolóxico fluvial non son compatibles coas que se expoñen nunha zona de baño.

Resulta igualmente censurable a formulación de translocar as poboacións naturais de bivalvos acuáticos presentes no río Miño para facilitar a instalación e uso dunha actividade que resulta contraria ao mantemento do seu estado de conservación en condicións favorables, máis aínda cando con esta proposta non se asegura o mantemento da totalidade da poboación expulsada do seu hábitat natural. Este tipo de propostas son dificilmente asumibles na xestión prudente e racional da biodiversidade que expón tanto o Convenio da Diversidade Biolóxica, a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea ata 2030 e o recentemente aprobado Marco mundial Kunming-Montreal da Diversidade Biolóxica.

O Concello de Lugo atesoura tres espazos que obtiveron merecidamente unha distinción especial da UNESCO (Reserva de Biosfera Terras do Miño, Camiño de Santiago, Catedral de Lugo), conservar e protexer estes lugares para as xeracións actuais e futuras, acorde cos obxectivos marcados na súa declaración dificilmente pódese lograr fomentando proxectos contrarios aos mesmos, salvo que con iso preténdase poñer en risco a continuidade destas designacións e apostar por un uso irracional e insostible dos recursos naturais”.