Presente e futuro do saneamento da ría de Ferrol

E aquel día apareceron árbores pintadas de laranxa. ¿Sería unha gamberrada no parque? ¿Un xeito de comunicarse? ¿símbolos de novas tribus? Axiña soupemos de que se trataba e efectivamente tratábase diso: unha gamberrada e unha forma de comunicación de novas tribus. Tribus que, por outra banda, non son tan novas, levan demasiado tempo con nós cun estilo de goberno inspirado no «mangoneo» impúdico.

En plena era da comunicación a administración informaba con pintadas nas árbores que ía a acometerse unha obra no Parque Pablo Iglesias. Despois de explicarnos en que consistía? Despois de preguntarnos que nos parecía? Despois de campañas informativas, maquetas e debates sobre a importancia do saneamento na cidade, do xeito razoable de facelo, dos pros e contras das obras, do contraste de ideas coa cidadanía, ou dentro daquelo que chamaban —¿lembra alguén?— «Consello da Viciñanza»?

Amigos e amigas, si algún día pasean pola súa cidade e ven árbores pintadas de cores saiban que é un «WhatsApp» da administración. Para desencriptalo soliciten información no seu concello. Afortunadamente, o que nun primeiro momento foi carraxe, indignación, desconcerto e desinformación da veciñanza —este parece ser o estado óptimo que queren algúns/has para a cidadanía— converteuse nun movemento exemplar en defensa do dereito á información veraz, á participación nas decisións do común e ao respecto pola pluralidade de ideas e opinións. Ninguén respostou con pintadas nas árbores, nin nas portas ou paredes, aínda que quizá esa fora a resposta proporcionada. Non si?

Ao comezo, ante o obvio malestar de veciños e veciñas ao saber que se ía construír un tanque de tormentas diante das súas vivendas, ás agachadas e no medio dun parque, procurouse información da administración… fixéronse propostas de reubicación… organizáronse charlas informativas, coloquios, concentracións e actos no propio parque para chamar a atención sobre o significado das pintadas nas árbores.

Ademáis fíxose un enorme esforzo por procurar a unidade de veciños/as, organizacións ambientais e políticas, centros de ensino e entidades de todo tipo, con resultados á vista.

E por fin, ao ir comprobando por múltiples fontes o desaguisado que se estaba a montar, decidimos organizar unhas Xornadas —con convite ás administracións que se limitaron a perseverar con «pintadas nas árbores»— para coñecer en profundidade o sistema de saneamento, os modelos alternativos, a base administrativa e xurídica na que se fundamenta a intervención, o propio proxecto construtivo, o convenio no que se substenta, os custos da súa realización e os futuros do seu mantemento, as consecuencias ambientais, os modelos de xestión da auga…

Cumprimos coa nosa obriga de socializar a información e agradecemos as múltiples contribucións de moitas persoas que xenerosamente nos proporcionaron os seus coñecementos de forma desinteresada e cargaron de valor os documentos. Desde a defensa do saneamento da cidade e da ría xa sabemos que, agora, non podemos agardar nada das administracións —nomeadamente do Concello de Ferrol— pero tamén sabemos que se poden construír espazos para a opinión formada, e que precisaremos deles por moitos anos.

Tamén temos a certeza de que a Administración autonómica e municipal «falará» moi pronto. Cando toque inaugurar. Daquela utilizarán métodos de «comunicación» moito máis «modernos» e «poderosos» que o de «pintar as árbores de laranxa». «Daquela inaugurarán unhas obras de
“saneamento” cunha obsolescencia programada para o día seguinte á inauguración.»

Seguro que o pagaremos, pero imos darlles os parabéns?

Acceso ao informe íntegro en PDF.