SGHN presentou alegacións contra a ampliación do peirao de embarcacións deportivas na illa da Toxa. Este peirao está no medio do Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, a principal zona de invernada de aves de Galicia. Hai dúas razóns principais para a oposición da SGHN, a primeira é que incrementa o número de amarres e polo tanto de molestias á avifauna nunha zona con altos impactos negativos para a conservación de medio natural. Dentro destes impactos consideramos que non se avalían axeitadamente os efectos sobre as correntes mariñas e as modificacións dos bancos que se poidan xerar.
A segunda razón é que esta ampliación é continuidade dun proxecto presentado hai uns anos e que entendemos artificiosamente partido en dous para facilitar os trámites e controis administrativos en tan sensible espazo natural. Podes obter copia das alegacións no seguinte enlace PDF.