Realizada onte á noite a saída “Doniños nocturno” dentro do ciclo “Outono naturalista”, unha actividade patrocinada pola Deputación Provincial da Coruña, nunha noite tan fermosa como anómala para o tempo de outono no que estamos.
Un ceo despexado e sen lúa permitiu vivir, aos 20 asistentes e os dous monitores (mágoa das quince persoas que quedaron na listaxe de reserva) a sensación de pasear de vagar a carón dunha da máis fermosas e completas praias de Galicia: a barra dunar, o areal e a lagoa de Doniños.
Este conxunto único á noite fai que destaquen os cheiros, os sons do mar e da vida nocturna, as luces dun ceo estrelado -sulcado tamén por numerosos satélites de baixa órbita- e as luces do alumeado contaminando lumínicamente un ceo que se abonda para dármonos luz para ver, como comprobamos nos treitos máis escuros do paseo.
![](https://sghn.org/wp-content/uploads/2023/10/Doninos_Lagoa_1-1024x681.jpg)
![](https://sghn.org/wp-content/uploads/2023/10/Doninos_noite_2023_10-07-1024x768.jpg)
Da praia pasamos ao lago, abeirando patrimonio histórico como é o caso da batería que defendeu a praia no seu momento durante o desembarco inglés a inicios do s. XIX. Tamén o paso polo antigo campo militar de tiro xa abandoado dou pé a falar dos cambios de usos do territorio, e unha das últimas corredoiras de muros de pedra a xunta seca, recoñecidos estes como patrimonio da humanidade, levounos á parcela de outos piñeiros doada no seu día pola científica ferrolá Ángeles Alvariño e o seu esposo Leira á Xunta de Galicia.
Alí lembramos a figura desta pioneira e insigne científica, co desexo de que a consellería responsable faga unha posta en valor deste eido, situado na beira da lagoa litoral máis fonda e mellor conservada de toda a península Ibérica. Sen dúbida, unha singularidade que merece ser valorada como realmente debe.
Para a xente que quedou na listaxe de reserva, dicirvos que desexamos poder ofrecervos no futuro a oportunidade de poder vivir tamén estas experiencias.
Ata a seguinte xa a facer de día!
![](https://sghn.org/wp-content/uploads/2023/10/Doninhos_lagoa_1-1024x681.jpg)
![](https://sghn.org/wp-content/uploads/2020/07/Logo_Deputacion-C.jpg)