A segunda edición da actividade “Quedadas no Museo” (QnM), coincidíu neste “Día Mundial dos Humidais”, motivo polo que o delegado en Ferrol Xan R. Silvar, deu unha charla sobre as lagoas costeiras de Ferrolterra, salientando a importancia das mesmas e a súa diferente formación, tratando a súa exposición sobre as de Doniños e Frouxeira, e os humidais de San Xurxo e Pantín.
Durante esta segunda QnM falamos tamén da camariña ou marmea Corema album (L.) D. Don, unha planta moi singular e vulnerable por tratarse dun endemismo que aparece distribuído no litoral atlántico ibérico e nas Illas Azores e que en Galicia podémola atopar nalgúns puntos concretos das costas das provincias de Pontevedra e A Coruña. Na súa distribución presenta o seu límite N na Praia do Rodo en Pantín (Valdoviño, A Coruña), e uns pés xunto ao Cabo Prior nas Cabazas (Covas, Ferrol, A Coruña). Houbo varias intervencións e preguntas arredor do estado de conservación da camariña, resultando unha sorpresa para o público que non figurase a día de hoxe contemplada na Categoría de Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Pablo Torrella fixo unha pequeña exposición sobre o libro Biodiversity in Dead Wood, aproveitando a ocasión para falar da importancia dos organismos que viven a expensas da madeira descomposta e das árbores vellas.
Con este mesmo asunto, veu moi a conto comunicar ao público un proxecto de colaboración que foi presentado de maneira recente ao Green Campus da UDC no que se pretende dende o MHNF o estudo e seguemento deste tipo de organismos que poden habitar nas árbores vellas do ferrolán Campus de Esteiro.
Adiantamos ao público a inminente exposición temporal prevista no Museo Naval de Ferrol.
Será a facer conxuntamente cos Centros Museísticos de Ferrolterra, e dende o MHNF teremos acollida nunha pequena mostra onde imos exponer algunas pezas. A data prevista de inauguración desta exposición temporal, é o xoves 22 de febreiro ás 12:00 h.
Osocio Manuel Arzúa comentou que nas X Jornadas del Grupo de Trabajo de Aves Marinas organizadas pola SEO BirdLife no Barqueiro (Mañón, A Coruña) entre o 26 e o 28 de xaneiro, e ás que el asistíu, falaron ao respecto da problemática coas aves mariñas que están a aparecer mortas ou desorientadas nas costas. O socio lembrou a posibilidade de usar a aplicación gratuíta ICAO para o móbil, coa que se pretende recoller os datos de avistamentos destas aves mariñas mediante a participación cidadá.
Aproveitamos a ocasión para lembrar que o MHNF está a colaborar na recollida de fauna silvestre para o CRFS (Centro de Recuperación de Fauna Silvestre) de Oleiros (A Coruña), así como na rede galega de alertas sobre abeiramentos de aves e tartarugas mariñas, lobos de mar e cetáceos.
Do que falaremos na vindeira quedada (16/02/2024)
- Algunhas aves observadas no xardín do MHNF.
- Xílgaros hiperactivos en Esteiro.
- Corvo pequeno papando bicudos nunha palmeira en Canido.
- Doazóns recentes ao MHNF e outros asuntos…
- Ao chou na “Biblioteca da Natureza”.– Libro Artrópodos en medicina y veterinaria (2014). Dos autores FDEZ.-RUBIO, F.; FDEZ.-CAPARRÓS, L.M. & SORIANO HERNANDO, O. Minist. Def. Madrid. 643 pp