Plan de conservación do ENIL Brañas de Sada

Ao abeiro do proceso de participación pública, SGHN ven de presentar alegacións ao plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Brañas de Sada. O plan de conservación foi aprobado en pleno municipal o 29 de decembro de 2021, co voto afirmativo de tódolos grupos políticos municipais.

Cumprindo os prazos establecidos, o plan foi remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en xaneiro de 2022 (antes de dous anos da aprobación provisional do Espazo protexido). Despois da revisión polos técnicos da Consellería, e con enorme dilación de tempo (case dous anos), o plan de conservación saiu a exposición pública.

A defensa das Brañas de Sada, xérmolo da Delegación das Marinhas

Debemos lembrar que a delegación de As Mariñas da SGHN, formouse a partir dun grupo de persoas que, no 2004, empezaron a traballar para protexer o humidal das Brañas de Sada.

As campañas de concienciación realizadas, coa intención de conservalo e protexelo, puxeron en valor o espazo entre a poboación. Ao tempo, a SGHN foi convencendo a parte dos responsables políticos, tanto a nivel local, comarcal como galego, da importancia de preservar e restaurar As Brañas.

A declaración definitiva do ENIL será un paso importante no obxectivo de conservar esta zona húmida, de orixe artificial, en contacto co casco urbano de Sada. Debemos estar vixiantes xa que aínda se seguen producindo afeccións ao espazo, como o recheo, carente do preceptivo permiso, que o concello de Sada realizou, en maio de 2023, en parcelas que forman parte do ENIL, e que nos obrigou a presentar unha denuncia que provocou a incoación de expediente por parte de Augas de Galicia. 

Ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación e zonificación do ENIL (fonte: plan de conservación ENIL Brañas de Sada)

Alegacións de SGHN ao Plan de Conservación do ENIL Brañas de Sada

A delegación de As Mariñas da SGHN foi consultada no proceso de elaboración do plan de conservación durante o ano 2021. A maior parte das nosas suxestións foron asumidas polo equipo redactor, aínda que non todas. O plan parécenos positivo e axeitado, en liñas xerais, e consideramos necesario aprobalo canto antes para poder empezar a realizar actuacións que permitan a protección, a mellora e a conservación efectiva das Brañas de Sada.

Lagoa nas Brañas de Sada

Despois dunha análise do texto detectamos algúns erros na citación de especies animais e vexetais e nalgún outro aspecto importante:

  • Sempre defendemos que a zona central das Brañas, onde están as lagoas de maior superficie, non debe ser accesible ao público en xeral, xa que é a área máis sensible e tamén a máis perigosa. O acceso debe ser restrinxido e limitado a grupos guiados reducidos expresamente autorizados, á actividade de investigadores e a proxectos de ciencia cidadá, levados a cabo por entidades naturalistas.
  • Propoñemos a construción de dous observatorios de aves, pero ningún deles localizado na zona suroeste, pola afección á lagoa onde se localiza o maior continxente de invernada da Cerceta común (Anas crecca) e onde tamén descansa a Garza real (Ardea cinerea).
  • Consideramos que o plan debería contemplar accións de restauración e posta en valor dos restos dos fornos de botella da zona do Tarabelo, e outras instalacións das antigas telleiras que están na orixe desta zona húmida.
  • Cremos que o plan de conservación debería ser máis contundente á hora de promover a rexeneración ambiental nos recheos ilegais que se realizaron na zona este, en contacto co casco urbano de Sada.
  • O labor de eliminación de especies alóctonas, a retirada de lixo nalgunha zonas e incluso a mellora da calidade das augas, deben ser primados e, para elo, non son suficientes as achegas económicas propostas no plan. Agora xa non podemos permitirnos gastar máis en divulgación que en rexeneración ambiental.

Esperamos que tras da participación pública o plan de conservación saia reforzado e, cumprindo cos prazos legais, a Xunta de Galicia declare en breve o ENIL Brañas de Sada. A seguir, o Concello de Sada deberá adicar moito esforzo en xestionar este espazo natural que beneficia a Sada e a toda a comarca.

Cerceta común Anas crecca na lagoa das Lixelas