Alá por finais dos anos 1990, uns técnicos e autoridades, supostamente cualificados e competentes, cuns supostamente rigurosos e sesudos documentos (Estudo de Avaliación de Impacto Ambiental e Declaración de Impacto Ambiental), autorizaron as obras do porto deportivo de Sanxenxo. A súa “competencia” seica foi incapaz de prever os “danos colaterais”: as obras desencadearon un intenso proceso de erosión e retroceso da liña de costa, coa desaparición acelerada das praias de Carabuxeira e Lavapanos. Na actualidade, cando o retroceso da costa ameaza xa a muros (legais?) de vivendas, o concesionario é a empresa municipal NAUTA SANXENXO teñen depositado un aval bancario a favor da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar para executar medidas correctoras.

Proxecto de “rexeneración” das praias
En relación coas devanditas medida correctoras, SGHN ven de ser convidada ao trámite de consultas previas á avaliación ambiental do proxecto de “Rexeneración da praia de Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso”, que contempla catro opcións:
- Alternativa 0: non actuar.
- Alternativa 1: non facer ningunha obra marítima e realimentar as praias cunha recarga inicial de 10.000 m3 de area e recargas de 5.000 m3 cada dous anos.
- Alternativa 2: un dique perpendicular á liña de costa para “soster” o perfil da praia, xunto cunha aportación de 24.000 m3 de area na praia de Carabuxeira e 3.000 m3 na de Lavapanos.
- Alternativa 3: dique exento en escollera (8 m de largura na coronación) e realimentación das praias con area igual que na alternativa 2.
Valorando os criterios de custe, converxencia cara ao estado orixinal da praia, impacto sobre o medio natural e impacto sobre a funcionalidade de conxunto porto-praia, os promotores optan pola alternativa 2.

A posición de SGHN
No documento sometido a consultas resulta rechamante que non se contemple a alternativa que con máis garantías aseguraría a recuperación das praias e a liña de costa: a demolición das obras do porto deportivo de Sanxenxo que causaron o problema e a restitución da zona ao seu estado anterior.
Á vista do fracaso estrepitoso na avaliación de impacto ambiental do proxecto de porto deportivo de Sanxenxo, as dúbidas de SGHN sobre o proxecto para amañar a desfeita son, simplemente, inmensas. Nestas circunstancias SGHN solicitou á Consellería de Medio Ambiente que se desestime totalmente o proxecto e se proceda á demolición do porto deportivo de Sanxenxo, orixe do problema, e a reposición da zona ao seu estado previo.