SGHN-Ferrol denuncia irregularidades na tramitación do proxecto Senda Litoral Costa Ártabra, Tramo: Sta. Comba-Campelo (concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño)

Seguindo o proceso de solicitude de autorización do Proxecto, o día 23 de maio exponse a información pública no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña: Concello de Narón con CIF P-1505500-G, e con enderezo en Praza de Galicia nº 1- 15570, Narón  solicita AUTORIZACIÓN para senda litoral, na zona de Dominio Público Hidráulico do río varios, no T.M. de Ferrol, Narón e Valdoviño. Neste anuncio só constan do Proxecto aqueles elementos relacionados coas competencias de Augas de Galicia e relativos a un expediente que fai referencia á canalización puntual de cauces.

No mes de setembro deste ano comezan as obras, supostamente coas autorizacións necesarias, sen ser sometido o Proxecto completo a Información Pública, Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas, artigo 60, apartado 1.2. Así mesmo, descoñecemos se o Proxecto foi sometido á consideración de se debe realizarse ou non o trámite de Avaliación Ambiental.

Por todo o exposto SGHN-Delegación de Ferrol ven de solicitar ao Xefe do Servicio Provincial de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural):

  1. A paralización inmediata das obras, que afectan a unha zona integrada no LIC “Costa Ártabra” e na ZEPA “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, e a publicación do Proxecto no BOP de A Coruña ou no DOG, previa presentación de solicitude para a determinación do sometemento ou non á avaliación de impacto ambiental, nos termos redactados no artigo 16.1 do RD 1/2008, de 11 de xaneiro, de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos:  “A persoa física ou xurídica, pública ou privada, que se propoña realizar un proxecto dos comprendidos no anexo II, ou un proxecto non incluído no anexo I e que poida afectar directa ou indirectamente aos espazos da Rede Natura 2000, solicitará do órgano que determine cada comunidade autónoma, que se pronuncie sobre a necesidade ou non de que dito proxecto se someta a avaliación de impacto ambiental, de acordo cos criterios establecidos no anexo III. Dita solicitude irá acompañada dun documento ambiental do proxecto con , cando menos, o seguinte contido:
    • A definición, características e ubicación do proxecto.
    • As principias alternativas estudadas.
    • Unha análise de impactos potenciais no medio ambiente.
    • As medidas preventivas, correctoras ou compensatorias para  a axeitada protección do medio ambiente.
    • A forma de realizar o seguimento que garanta o cumprimento das indicacións e medidas protectoras e correctoras no documento ambiental”.
  2. Que se adapte o Proxecto ao regulamentado no Plan de Ordenación do  Litoral recentemente aprobado, e ás características que co epígrafe “paseo marítimo” se describen na Lei de Costas, artigo 44.5. En ambas as dúas considérase necesario que estes paseos sexan peonís e con dimensións adaptadas a este fin.
  3. A inocuidade das obras emprendidas ata o momento, se así fose, non debería ser un eximente do cumprimento da normativa legal, co agravante de que sería un precedente para actuacións futuras.