A primeiros de ano, SGHN presentou alegacións contra un proxecto de planta fotovoltaica nunha parcela de solo rústico en Vilalba (máis…), salientando que:
- Era unha boa idea nun lugar equivocado: en Galicia hai milleiros de hectáreas de tellados que poderían acoller placas fotovoltaicas en naves (industrias, granxas, polideportivos, …) e edificios en zonas sen valores patrimoniais.
- Era un novo exemplo de perversión das mellores alternativas para descarbonizar a economía e loitar contra o cambio climático. É absurdo e inaceptable destruír solos naturais ou cultivados (recurso non renovable a escala de tempo humana) para instalar plantas fotovoltaicas, por moi renovable que sexa este tipo de enerxía.
- Semellaba que algúns promotores de enerxías renovables estiveran empeñados en converter cada posible solución nun novo problema ambiental.
A Xunta de Galicia fixo caso omiso ás alegacións de SGHN e autorizou o proxecto. Amosando bastante máis visión de presente e de futuro, Stellantis ven de anunciar hoxe que instalará na súa factoría de Vigo a maior cuberta fotovoltaica de España para autoconsumo eléctrico (La Voz de Galicia, Faro de Vigo).
Xa que logo, os feitos demostran que o plantexamento de SGHN sobre a enerxía fotovoltaica (SI nos tellados ou terreos industriais, NON en terreos produtivos ou ambientalmente valiosos) é o acertado. Tomarán nota a Xunta de Galicia e o Goberno Central?