Turismo insustentable no Xeoparque do Courel

Segundo novas de prensa, os concellos que xestionan o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel (Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil) presentaron un proxecto co que “aspiran a conseguir unha axuda de tres millóns de euros dentro do plan de sostibilidade turística que promove a Secretaría de Estado de Turismo”.
 
O Xeoparque Montañas de Courel coincide na súa maior parte coa ZEC ES1120001 Ancares-Courel da Rede Natura 20000, declarada Espazo Natural Protexido xunto co Monumento Natural do Pregue Deitado de Campodola – Leixazós. Ademais, o territorio do Xeoparque atópase en proceso de declaración como Reserva da Biosfera da UNESCO e inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Malia as declaracións de área protexidas e as designacións internacionais que este territorio trata de conseguir, os xestores do Xeoparque pretenden desenvolver un modelo turístico caduco e insostible fomentando un conxunto de actividades (barranquismo, parapente, visitas a covas e outros espazos ambientalmente moi valiosos e sensibles) máis propias dun parque periurbán. Actividades que, ademais, se centran nas áreas máis valiosas que determinaron a declaración da ZEC Ancares-Courel.
 
Dado que o Xeoparque carece de normativa propia e instrumento de xestión específico, a xestión deste espazo debe quedar subordinada en todo momento ás normas europeas (Directiva Aves, Directiva Hábitat), estatais (Lei 42/2007) e autonómicas (Lei 5/2019), e aos instrumentos de xestión que na actualidade regulan os espazos naturais galegos (Decreto 37/2014).

Acorde con estas normativas e o instrumento de xestión da Rede Natura 2000, é previsible que o desenvolvemento destas actividades teña un efecto moi negativo sobre distintos tipos de hábitats naturais e especies protexidas de flora e fauna, podendo en consecuencia afectar á propia integridade do espazo, o cal suporía un claro incumprimento da normativa actual que podería e debería ser sancionada por vía administrativa ou penal.

Solicitudes de SGHN

  • Á Secretaría de Estado de Turismo. Que antes de proceder á concesión de calquera axuda ou subvención ao Xeoparque, esixa que o proxecto presentado conte cun procedemento de avaliación ambiental, completo, obxectivo e independente, que avalíe as repercusións que as accións suscitadas poderían ter sobre a integridade do espazo e os valores ambientais do mesmo e que se adapte ás características marcadas pola Directiva Hábitat, a Lei 42/2007 e a Lei 5/2019.
  • Á Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación (MITECO). Que cumpra coas súas obrigas de coordinación, protección dos espazos naturais protexidos por instrumentos internacionais, avaliando as actuacións suscitadas polos responsables do Xeoparque Montañas do Courel, e exercendo as accións necesarias para impedir calquera deterioro dos valores do Xeoparque.
  • Á Dirección Xeral de Patrimonio Natural (Xunta de Galicia). Que cumpra coas súas obrigas de protección e conservación dos espazos naturais eos compoñentes da xeodiversidade e biodiversidade, non autorizando ningunha actividade que poida menoscabar devanditos espazos e compoñentes, tal e como establece o marco legal actual (Directiva Hábitat, Lei 42/2007, Lei 5/2019, Decreto 37/2014).
  • Aos responsables do Xeoparque Mundial Montañas do Courel. Que retiren o proxecto, e se doten de persoal cualificado na xestión de áreas protexidas, así como dun instrumento de xestión para o Xeoparque. Evitando plantexar e desenvolver actividades que resultan incompatibles cos obxectivos dos espazos naturais de ámbito internacional, nacional e autonómico que coinciden dentro do territorio do Courel.