A Xunta silencia a rula que cantou Rosalía

Seis entidades ecoloxistas denuncian que a Xunta segue permitindo a caza da rula, cando está en perigo de desaparición. A Unión Europea acaba de iniciar un procedemento de infracción por non conservala. O goberno disfrázase de verde cunha lei do patrimonio natural que non a protexe e incluso empeora a actual lei de conservación da natureza.

A Unión Europea anunciou o 25 de xullo, día da patria galega, que iniciou un proceso de infracción contra o Estado español por non tomar medidas de conservación que freen o declive das rulas. España alberga máis da metade da poboación reprodutora europea polo que é o país clave na conservación desta ave que está a sufrir en toda Europa un forte declive.

Rula europea (Streptopelia turtur)

A diferenza dos gobernos doutras comunidades autónomas, como Asturias, Cantabria, Canarias e Comunidade Valenciana que a teñen prohibida, a Xunta aínda permite a caza da rula. Debido a que as competencias en conservación da natureza están transferidas, os galegos teremos que pagar a sanción económica que vai impoñer a Unión Europea no caso de non se tomar inmediatamente medidas efectivas de conservación, empezando pola prohibición da súa caza. A rula común (Streptopelia turtur), coñecida como tórtola en castelán, pasou de ser hai tres décadas unha ave frecuente na campiña galega a estar actualmente en serio declive. Tratándose dunha ave ligada ós sistemas agrarios, onde se alimenta principalmente de sementes de malas herbas nas terras de labor, está a padecer a transformación do mundo rural. O abandono das fincas que se pechan con mato e o uso sistemático de herbicidas están a afectarlle gravemente, pois diminúen as súas posibilidades de alimentación.

O terceiro gran problema que sofre é a caza. Sendo unha especie migradora que pasa boa parte do seu ciclo anual en África, a rula está exposta nos seus desprazamentos a numerosas baixas por causas naturais. Por ese motivo, a prohibición da súa caza é a medida máis eficaz entre as que se poden tomar no curto prazo para que non diminúan as súas poboacións.

O indignante caso da ZEPA da Limia

A Xunta autoriza a caza da rula nos 9 concellos da Limia durante a media veda que empezará o próximo 17 de agosto e rematará o 8 de setembro, malia terse observado nesta zona un declive das poboacións do 37 % nos últimos anos. A Limia foi declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves. Se o proceso da súa declaración foi polémico por reducir as 10.000 hectáreas propostas no proxecto orixinal do ano 2007 até as 6.939,28 hectáreas actuais, o máis indignante é que incluso se autorice nela a caza dunha ave en serio perigo de desaparición.

En palabras da propia Xunta (ver https://www.turismo.gal/que-visitar/espazos-naturais/zona-especial-proteccion-de-aves-zepa?langId=gl_ES ): “A Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) é unha categoría de protección de carácter europeo e é outorgada a áreas naturais de especial relevancia para a conservación das aves, particularmente as que están ameazadas de extinción. Para este obxectivo é primordial a conservación dos seus hábitats coas condicións medioambientais necesarias para o descanso, reprodución e alimentación das aves.

Ademais de permitir a caza da rula, tamén autoriza a do paspallás (Coturnix coturnix) na Limia cando se ten constatado que na media veda aínda está criando os polos das postas tardías.

Denuncia diante da Xunta e a Unión Europea

Por estes motivos a SGO presentou por rexistro no día de hoxe, en nome de 6 entidades conservacionistas, a demanda ante a Consellería de Medio Ambiente de que se prohiba a caza da rula en toda Galicia con carácter indefinido, se inicie o proceso para incluír esta especie no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable e se implanten medidas eficaces de conservación.

Adicionalmente, a SGO comunicou hoxe ao Comisario de Medio Ambiente da Unión Europea, D. Karmenu Vella, a situación que se está a dar en Galicia para que inclúa esta información no expediente sancionador e dirixiuse tamén ó Defensor del Pueblo, D. Francisco Fernández Marugán, para expoñerlle a situación de vulneración da lexislación básica de conservación da natureza en Galicia.

A Lei do Patrimonio Natural

Grazas á maioría absoluta do partido do goberno, mañá vai aprobarse a Lei do Patrimonio Natural de Galicia, elaborada sen a debida consulta ós expertos do Observatorio Galego da Biodiversidade, organismo creado pola Xunta de Galicia, nin co diálogo das entidades conservacionistas galegas.

O balance que fai a SGO é que simplemente se trata dun disfrace verde como estratexia electoral caras as próximas eleccións autonómicas, pero o certo é que non soamente non mellora a lei actual, se non que a empeora en numerosos aspectos. O que precisa a natureza galega son accións decididas de goberno e a aplicación en toda a súa extensión das leis existentes.

Comparten coa SGO o contido desta nota de prensa as asociacións ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Grupo Naturalista Hábitat, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia.