Das seis da tarde ás seis da mañá: Avelaíñas e traballos da SGHN en A Limia. Vaia 12 horas!!!

Outra estupenda xornada para afondar no coñecemento da biodiversidade da Limia desenvolvida polos compañeiros das Seccións Antela e Entomoloxía os días 21 e 22 de xullo de 2018 na Veiga de Gomareite e a de Vilaseca. 

Coñecendo os traballos de SGHN na Veiga de Vilaseca

Comenzou a xornada cun percorrido da mán da Sección Antela polos retazos que aínda persisten da Veiga de Vilaseca despois da concentración parcelaria e o predio da SGHN: o Humidal Antonio Villarino. 

A todos chámanos a atención a vexetación aínda verde graza á longa tempada de choivas que mantivo alto o nivel freático ata hai ben pouco. A veiga de Vilaseca luce magnífica e amosa as posibilidades reais para a avifauna. Durante o paseo disfrutamos dalgunhas como miñato, lagarteiro ou peneireiro, tartaraña cincenta, trigueirón, pombos e rolas. Mentres o paspallás encargouse de poñer a banda sonora á visita.

No en tanto repasamos a grandes rasgos a evolución do lugar, así como o traballo desenvolvido por SGHN en colaboración coa Comunidade de Montes de Vilaseca e a súa importancia en relación a algunhas das especies máis senlleiras da comarca limiá, entre as que contamos a conícora e o cardiño da lagoa.

O Humidal Antonio Villarino

Estas especies tamén son o obxectivo do proxecto que SGHN está a desenvolver na súa parcela, o Humidal Antonio Villarino. O humidal conservaba auga nalgúns puntos e amosa unha densa vexetación herbácea, polo que a visita faise polo fondo dos neocauces, mentres se explica polo miúdo o traballo realizado. Ao longo dos neocauces apreciaronse pegadas de diversas especies animais e algúns elementos vexetais que están a colonizar as zonas asolagables, como se prevía no proxecto.

Contamos aos nosos acompañantes que o seguemento destas especies por SGHN reflicte o asentamento dun grupo reprodutor da conícora (Vanellus vanellus) e a expansión do cardiño da lagoa (Eryngium viviparum). Tamén houbo tempo para ollar algún anfibio e por suposto insectos dos máis variados.  O ceo cuberto e a temperatura non demasiado alta permitiron un paseo agradable facendo fotos entre charlas e comentarios.

Flora e fauna no Humidal Antonio Villarino

Noite de avelaíñas na Veiga de Gomareite

Xa na Veiga de Gomareite xuntámonos aos compañeiros da sección de entomoloxía da SGHN, que xa tiñan distribuidas tres estacións para a mostraxe das avelaíñas. Os compañeiros entomólogos andaban á procura de libeliñas, eirugas e outros insectos. Os demais aproveitamos a súa experienca para ver e fotografiar algunhas desas especies.

Disfrutando do ceo …

Pouco a pouco caeu a noite e foron chegando máis persoas e as polvoretas (como lle dín na Limia ás bolboretas da noite) mentras o airiño foise calmando. O ceo estaba realmente precioso. Primeiro disfrutamos dun “mosaico” de nubes e despois da lúa, as estrelas e os planetas, nomeadamente Xúpiter e as súas lúas.

… dos anfibios …

No entorno algúns participantes seguían a buscar e atopaban eirugas de bolboretas a cada cal máis espectacular, para disfrute dos presentes. Non faltaron os coros das rás que descansaban na beira das charcas e un precioso exemplar de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) que fixo as delicias de todos. O seu achádego aledounos moito pois sabemos é especie escasa e moi localizada en Galicia. Que marabillosa nova que a Veiga de Gomareite onde se atopou está co-xestionada por SGHN e un gandeiro limiao!

… e das avelaíñas

Tampouco faltaron os que tentaron escoitas ás aves nocturnas na contorna pero non houbo sorte. Houbo algo de todo, sen tempo para o aburrimento nin sentir o fresco indo dun lado para outro. Mentres, pouco a pouco, aumentaba o número de especies de avelaíñas atraidas polas luces.

Identificando avelaíñas na Veiga de Gomareite
Usando as guías para pechar a identificación

A noite estaba fresca e o orballo fixéronse notar a medida que pasaban as horas. Pouco a pouco os asistentes foron deixando o lugar segundo os seus compromisos, o frío e o aguante. A espera dos expertos case ata ao albor foi recompensado con avelaíñas tan rechamantes como Smerinthus ocellata ou Laothoe populi.

En resume foi unha tarde-noite entretida e moi interesante descubrindo os patrimonios descoñecidos de A Limia na Veiga de Gomareite e a de Vilaseca.

Moitas grazas a tódolos participantes e as persoas que fixeron posible esta xornada.  Cunha mención especial para Pablo González que construiu un novo prototipo de iluminación con LEDs de distintas lonxitudes de onda para os compañeiros da Sección de Entomoloxía.