Celebrando o día das aves migratorias no C.I. Umia-Grove

O sábado 14 de outubro de 2023 foi a data oficial para celebrar por segunda vez no ano o día Mundial das aves migratorias, este ano baixo o lema “Auga: vital para as aves”, que nós celebramos no complexo intermareal Umia-Grove-Carreirón. Amenceu un día de tregua entre os dous primeiros frentes de choivas do outono e con retorno á “normalidade” das temperaturas, condicións que favoreceron o desenvolvemento da actividade.

Como comentou o compañeiro Álvaro, a costa atlántica ibérica forma parte dunha das “autoestradas” que utilizan as aves durante as súas migracións. Nesas rutas, os nosos humidais son como as “áreas de servicio” imprescindibles como puntos de alimentación, refuxio e descanso durante a viaxe, sendo o Complexo Intermareal Umia-Grove é un lugar destacado desta ruta migratoria tanto nos pasos de primavera como de outono.  

Ó longo da xornada houbo varios puntos de observación entre Illa da Toxa e Dena seguindo as fases de repouso e alimentación das aves que veñen definidas polas mareas, polo estado da zona intermareal e pola dispoñibilidade de illotes onde pousar.

Na xornada tivemos ocasión de observar ata 66 especies de aves (listado ao final); coa presencia de menor número de efectivos en comparación con outras datas e momentos nos que na enseada bulen centos ou milleiros de aves. Claro está que a observación das especies, especialmente as máis escasas, resultou moito máis sinxela nestas condicións ao ser doadas de localizar e de seguir con poucas interferencias cós seus veciños.

A xornada rematou cun “pase de modelos” a cargo dun grupiño de cullereiros que se puxeron xusto frente ao punto de observación coa luz do solpor, todo un espectáculo.

E xa case quedamos emplazados para a seguinte. Moitas grazas a Álvaro e a todos os participantes por facer desta unha estupenda xornada.