Celebrando os 50 anos de SGHN-GOG e o Día Mundial do Medio Ambiente por Sande

50 anos de DMA e de SGHN-GOG

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973. Dous meses despois (31 de agosto de 1973) legalizouse o Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, polo tanto con esta saída o 03-06-2023 celebramos nada menos que “os 50” nun lugar singular con historia, natureza, tradición e xentes afables e orgullosas do seu. A primeira vista, Sande semella un de tantos pobos da provincia de Ourense cun entorno agradable para camiñar e disfrutar da paisaxe pero, como se verá, Sande ten moito que ofrecer.

Dende Sande ao seu castelo

O percorrido discorreu primeiro ao longo da estrada e despois por camiños entre eidos e montes nos que se puideron observar e escoitar algún paxaro, ollar algunhas plantas e escrutar dous puntos de auga artificiais que, hoxendía, resultan casi imprescindibles para a conservación de anfibios e outras especies asociadas aos medios acuáticos. No abrevadeiro á beira da estrada atopáronse un macho de limpafontes común (Lissotriton boscai), cágados de sapiño comadrón (Alytes obstetricans), un exemplar de rá das veigas (Discoglossus galganoi) e un pequeno coleóptero acuático. Máis adiante noutro tanque de auga atopamos varios machos e unha femia de limpafontes verde (Triturus marmoratus).

Ao longo do camiño resulta evidente a transformación da paisaxe nos últimos anos, có abandono das actividades agrarias tradicionais e o avance da vexetación natural xunto coa introducción de diversas especies de interese forestal como carballo americano (Quercus rubra), cerdeira brava (Prunus avium), distintas especies de coníferas (Pseudotsuga menziesii, Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris) e eucalipto (Eucalyptus globulus). Tamén como noutros moitos espazos denótase a presenza de outras especies exóticas invasoras, especialmente de mimosa (Acacia dealbata) e puntualmente de amor de home (Tradescantia fluminensis).

O Castelo de Sande e o seu Señor

Cunha suave pendente pouco a pouco alcánzanse aos penedos do Rosendo, un balcón privilexiado para descubrir a torre de Sande, máis ben, como nos contou Carlos o Castelo de Sande. Do Castelo de Sande, que debeu ser de madeira, queda a torre da homenaxe situada nun rochedo sobre o río Arnoia dominando un territorio estratéxico entre Celanova, Ribadavia e a cercana Portugal. A orixe do castelo é algo incerta pero está documentada alomenos dende o século XII cando por doazón real pasou das máns do Señor de Sande aos abades do Mosteiro de Celanova, como consecuencia houbo liortas entre os abades e os descendentes dos Sande pero, ao que parece, gañaron os Sande porque alí nos recibiu moi cortesmente e có seu traxe de gala o Señor de Sande.

Trala sorpresa da benvida os camiñantes quedaron cavilando e preocupados polo futuro do Señor de Sande posto que o estado de conservación da súa torre é moi deficiente e presenta grandes fendas que fan perigar a súa estabilidade. A cuestión é que este monumento foi declarado en 1949 Ben de Interese Cultural e non se entende como ningunha administración competente ten levado a cabo as accións para, alomenos, estabilizar a estrutura. Desde SGHN enviamos recentemente dúas comunicacións, unha á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, e a outra ao Concello de Cartelle solicitando se tomen as medidas necesarias para asegurar a conservación da torre.

Bolboretas e réptiles aledan o camiño de volta

Coa calor do mediodía empezan a sair os réptiles e a voar as bolboretas o que da pé para adicar un rato a coñecer algo mellor estas especies. Así, puidemos disfrutar dun escáncer (Anguis fragilis), dunha lagartixa (Podarcis lusitanicus) e mesmo dun lagarto arnal (Timon lepidus), xunto coas delicadas bolboretas, por exemplo Coenonympha pamphilus, Coenonympha arcania, Pieris rapae, Gonepteryx rhamni, etc.

Coñecendo o patrimonio do pobo de Sande

E xa tocaba ir volvendo para o pobo e visitar outros elementos arquitectónicos destacados: o pazo e a igrexa parroquial de San Salvador, cada un coa súa historia e os seus detalles de interese, sen esquecer a aira dos hórreos de construción mixta madeira e pedra.

Polos viñedos e adegas

O itinerario da tarde estaba reservado para a zona dos viñedos e as adegas. Como contou Luis, as mellores viñas estaban xa na caída cara o río Arnoia situadas en bancais, como na Ribeira Sacra, e os viñedos chegaban ata a zona das adegas. O carácter máis térmico da zona ponse de manifesto pola presenza duns magníficos exemplares de sobreira (Quercus suber). As adegas de Mogos están parcialmente soterradas e pensadas para manter a temperatura máis fresca asegurando a conservación do viño. Hoxe as adegas xa non cumplen a función de antano, pero algunas delas están restauradas e utilízanse para reunións de familias e amigos como ben se puido comprobar.

Todo esto está moi ben, pero … que hai do entroido de Sande? preguntamos. Pois o entroido en Sande ten o seu aquel, conta con diversas figuras de interese tal e como explicou a nosa compañeira Dori: o Oso que non se sabe cando vai a aparecer, as “bonitas” que se encargan de manter a orde nos teatriños que se organizan e as avutardas que visten roupas vellas. Trátase dun entroido que mantivo a xente do pobo e que cada vez é máis coñecido e se está a recuperar gracias ao traballo de varias persoas do lugar.

Percorrimos o pobo antigo de Sande, e xa coa ameaza da treboada e unhas pingueiras pechouse a xornada de celebración deste día do medio ambiente.

“Propina” xeolóxica para rematar a xornada

Pero ainda quedaba algo … o noso compañeiro José Ramón levounos ás aforas de Sande para explicarnos a “vida” das pedras. José Ramón que aproveitou os noiros da estrada falounos de fallas, de contactos, de volumes e orde, de idade das rochas, de quen foi antes de quen, da superficie de arrasamento e dunha chea de cousas que veñen sucedendo dende hai … algún tempo … case nada, centos ou milleiros e ata millóns de anos.

Xa máis nada que dar as grazas a todos os participantes e persoas que fixeron posible unha fantástica xornada de celebración do día do Medio Ambiente, coñecendo algo mellor o noso patrimonio cultural, histórico e natural. E grazas especialmente aos veciños de Sande que nos guiaron e acompañaron na visita a este interesante lugar: Carlos e Luis, e, por suposto, a D. Lino o “Señor de Sande” a quen desexamos que canto antes acade a consolidación da “súa” torre para que siga dominando as “súas” propiedades outros tantos centos de anos.

Observación importante: Para manipulación de fauna silvestre é preciso contar con permiso administrativo.

Listaxe de especies de flora e fauna observadas por Sande o 03/06/2023

PLANTAS E ÁRBORESINSECTOSAVES
Acacia dealbata(libélula e bolboretas)Apus apus
Acer pseudoplatanusCalopteryx virgoButeo buteo
Betula pubescensCoenonympha arcaniaCerthia brachydactyla
Castanea sativaCoenonympha pamphilusChloris chloris
Daboecia cantabricaGlaucopsyche melanopsColumba palumbus
Erica umbellataGonepteryx rhamniCuculus canorus
Eucalyptus globulusLeptidea sinapisCyanistes caeruleus
Hedera helixLycaena phlaeasErithacus rubecula
Humulus lupulusPararge aegeriaFringilla coelebs
Ilex aquifoliumPieris napiGyps fulvus
Linaria triornitophoraPieris rapaeHippolais polyglotta
Lonicera periclymenumHirundo rustica
Pinus pinasterANFIBIOSLophophanes cristatus
Pinus radiataAlytes obstetricans Motacilla alba
Pinus sylvestrisDiscoglossus galganoiParus major
Polygonatum odoratumLissotriton boscai Passer domesticus
Prunus aviumTriturus marmoratus Periparus ater
Pseudotsuga menziesiiPernis apivorus
Quercus pyrenaicaRÉPTILESPhoenicurus ochruros
Quercus roburAnguis fragilis Phylloscopus ibericus
Quercus rubraPodarcis bocagei Picus sharpei
Quercus suberPodarcis lusitanicusRegulus ignicapilla
Ruscus aculeatusPsammodromus algirus Serinus serinus
Salix atrocinereaTimon lepidus Streptopelia turtur
Tradescantia fluminensisSturnus unicolor
Ulex europaeusMAMÍFEROSSylvia atricapilla
Canis lupus Troglodytes troglodytes
Sus scrofa Turdus merula
Vulpes vulpes Turdus philomelos
Turdus viscivorus
Upupa epops