Espazo profundo: Nebulosa do Corazón

Na Constelación de Casiopea, unha das constelacions circumpolares visibles nas nosas latitudes, atópase unha nube de gases que pola súa forma parecida a un corazón humano recibe o nome de Nebulosa do Corazón.

Trátase dunha gran nube de hidróxeno ionizado que está iluminada polas estrelas quentes que se atopan no seu interior. A forma da nebulosa é o resultado da radiación intensa e os ventos estelares dun pequeno cúmulo aberto de estrelas súper xigantes moi novas (de 1,5 millóns de anos e cunhas 50 veces a masa do Sol), cerca do núcleo da nebulosa e que deforman as nubes de po escuro silueteados contra o brillante gas atómico incandescente. Coñéceselle como Melotte 15, aínda que é tal a súa imbricación coa nebulosa que ata ten os mesmos números de catálogos. Ten tamén asociadas outras dúas nebulosas, IC 1795 e NGC 896, aínda que esta última parece referirse á parte máis brillante da anterior.

Atópase a 7.500 anos luz de distancia, ten unha magnitude aparente de 18, o seu tamaño é duns 200 anos luz, abarcando 2º de arco no ceo. Foi descuberta no seu conxunto polo telescopio espacial WISE (Wide-field Infrared Survey Explorer) no ano 2010. É coñecida tamén como IC 1805, Berkeley 65, Sharpless 2-190 e Sh2-190.

Nebulosa do Corazón, na constelación de Casiopea

É moi fácil de localizar, xa que se atopa só a 5º ao noroeste do Dobre Cúmulo de Perseo. É visible cun telescopio pequeno, pero o que nos aparecerá no obxectivo é algo parecido a un can correndo, por iso é polo que tamén sexa coñecida como a Nebulosa do Can Corredor. De momento e xa que estamos no mes dos namorados, podedes vela na foto do extraordinario astrofotógrafo Raul Villaverde, amigo e colaborador de Fotografía Ferrolterra e da SGHN.