“Estado da natureza” en Galicia: 2. Uso público dos espazos protexidos

Dende a súa fundación como Grupo Ornitolóxico Galego hai xa 44 anos e a súa transformación en Sociedade Galega de Historia Natural 4 anos despois, SGHN mantén unha actividade ininterrumpida a prol do estudio, divulgación e conservación do patrimonio natural galego. Con esta longa experiencia, e conforme aos obxectivos e metas para 2020 establecidos pola Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea, faise a presente análise do “Estado da natureza” en Galicia, que se estrutura en tres capítulos:

  1. Espazos protexidos: superficie, xestión e apoio ás comunidades locais.
  2. Uso público dos espazos protexidos
  3. Biodiversidade: especies ameazadas e especies invasoras.
2.1. Abandono dos centros de interpretación

O abandono e desinterese das administracións públicas polos espazos naturais e o Patrimonio Natural de Galicia evidénciase no estado de abandono no que se atopan a maioría dos escasos centros de interpretación. Nos abertos ao público séguese mostrando na maioría dos casos elementos expositivos de máis de 10 anos, non adecuados nin ao coñecemento científico dos espazos naturais, nin aos obxectivos e normas de conservación que rexen neles.

2.2. Deficiencia na sinalética dos espazos naturais

Os letreiros indicativos dos espazos naturais e das normas vinculadas co uso público son cada vez máis raros na paisaxe galega, quedando reservadas aos Parques Naturais e ao Parque Nacional. No resto dos espazos son nulas ou sen contidos específicos sobre a normativa actual, como ocorre no Monumento Natural das Catedrais, ou nos humidais Ramsar de Ría do Eo, Ortigueira, Valdoviño, Ons – O Grove, e en xeral nos espazos da Rede Natura 2000. O visitante dos espazos naturais galegos, a diferenza do que ocorre noutros territorios de Europa, carece na maioría dos casos de paneis indicativos onde se indique que tipo de actividades son permitidas e cales son prohibidas ou requiren dunha autorización. A falta destas indicacións fomenta en consecuencia un uso insustentable e anárquico dos espazos naturais.

2.3. Descontrol do uso público

Nas declaracións dos responsables da Xunta de Galicia, así como en varias das campañas publicitarias, confúndense habitualmente os Espazos Naturais con áreas de esparexemento e diversión, capaces de acoller todo tipo de manifestacións recreativas, deportivas ou culturais, mesmo cando estas impactan de forma notoria e negativa a propia integridade dos devanditos espazos e o estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade (máis…).

Existen múltiples alternativas para levar a cabo as distintas probas e actividades recreativas, deportivas ou culturais sen afectar aos espazos naturais, como se recolle desde a década dos oitenta nas distintas normativas ambientais da Unión Europea, o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia. Pero estas normativas parece ser descoñecidas sorprendentemente polos responsables da Axencia de Turismo de Galicia e da Dirección Xeral do Patrimonio Natural, que seguen impulsando e autorizando accións totalmente contrarias aos obxectivos de conservación dos espazos naturais e dos compoñentes da biodiversidade.

Palco das festas de Sta Rosa no interior da ZEC Estaca de Bares

Aparcadoiro sobre hábitat prioritario na ZEC Costa Ártabra

O incumprimento da normativa relativa ao uso público alcanza niveis bochornosos cando se permite a organización no Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal de Vixán, dun acto, con presenza do Presidente da Xunta de Galicia, incumprindo abertamente as disposicións establecidas sobre o uso de megafonía no Decreto de creación do Parque Natural, o seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. A pesares da denuncia presentada pola SGHN, ningún dos responsables deste irregular acto foi cesado.

O uso alegal da megafonía prodígase noutros espazos naturais galegos que acubillan a unha prolífica lista de festas e actividades deportivas, especialmente na provincia da Coruña: Concerto de Balarés (ZEC Costa da Morte), Festas en Meiras (ZEC Costa Ártabra), Pantin Classic (ZEC Costa Ártabra), Festas de Santa Rosa (ZEC Estaca de Bares). Nestes espazos o uso da megafonía vén precedido habitualmente por unha irracional roza dos hábitats naturais, así como do emprego como zona aparcadoiro, circulación de vehículos ou acampada, de áreas con hábitats de interese comunitario.

Roza sobre hábitats prioritarios no ecosistema dunar da Praia de Reinante para favorecer o tránsito de veraneantes

(ZEC As Catedrais)

Noutros casos a falta de medios de control e vixilancia están a propiciar actuacións descontroladas de uso público sobre as áreas de maior valor do Patrimonio Natural de Galicia. No Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal de Vixán, a redución ou case eliminación do sistema de vixilancia que noutros anos establecíase ao redor da Duna Móbil, propicia a destrución da mesma por un pisoteo incontrolado, que alcanza niveis preocupantes nos fins de semana. Á falta de vixilancia deste elemento singular do Patrimonio Natural, únense declaracións inconscientes dalgúns representantes municipais que seguen empeñados en permitir o tránsito sobre a duna, ninguneando os efectos de este sobre o seu estado de conservación.

Alteración do sistema dunar na Praia de Reinante (ZEC As Catedrais)

A chegada do estío supón ademais un total descontrol nos espazos naturais do litoral galego en relación coas acampadas ilegais, e a circulación e aparcadoiro de vehículos sobre os hábitats de interese comunitario, incumprindo deste xeito o réxime de uso derivado do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Alteración do ecosistema de cantil pola construción irracional de milladoiros.

O Foxo Longo (ZEC As Catedrais)

Cemiterio dos Ingleses. Alteración do ecosistema de cantil pola construción irracional de milladoiros.

(ZEC Costa da Morte)

A falta de vixilancia e control sobre o uso público nos espazos naturais queda patente cando se tolera en distintas praias alterar o substrato, utilizando as pedras para construír pequenos milladoiros, a semellanza dos montículos de pedras nepalíes ou andinos. Esta actividade, que artificializa a paixase e alter o hábitat de especies de flora e fauna, alcanza niveis moi preocupantes en áreas de gran valor ambiental e cultural como a Praia Xudemil, Baroña (ZEC Complexo Húmido de Corrubedo); Cemiterio dos Ingleses, Praia de Trece (ZEC Costa da Morte); Foxo Longo (ZEC As Catedrais). Algunhas destas construcións levan máis de 3 anos en pé, sen que a administración competente na xestión dos espazos naturais tome as medidas oportunas para recuperar as áreas degradadas e evitar novas alteracións.

Nos espazos litorais, pero tamén nos espazos interiores, constátase o incumprimento xeneralizado das normas relativas ao tránsito de animais de compañía vinculadas co uso público dos espazos. A presenza de cans soltos, sen ningún tipo de boceira, adquire unha gran preocupación especialmente nos humidais, nos sistemas dunares e noutras zonas de cría de aves.

2.4. Posesión e uso de munición de chumbo en humidais

Nos humidais galegos seguimos observando restos de munición con chumbo, o que supón un grave e reiterado incumprimento da normativa estatal, sen que a administración autonómica teña derrogado o seu decreto alegal (por contrario á lei estatal) como lle reclamou reiteradamente SGHN o Defensor del Pueblo nin moito menos adoptado medida algunha para garantir o cumprimento da lei e perseguir aos infractores da mesma.

  • Divulga ti tamén!