A raíz sobre todo do terrible incendio forestal de Pedrogao Grande en Portugal e da vaga de lumes do pasado mes de outubro en Galicia, o comportamento fronte ao lume das distintas especies forestais, nomeadamente de eucaliptos e piñeiros, saltou aos titulares dos medios de comunicación e entrou de cheo no debate da opinión pública.
Fronte aos que afirman case que os eucaliptos arden por combustión espontánea e os que defenden a posición diametralmente oposta, o máis sensato é unha análise seria e rigorosa da información dispoñible. Por iso, SGHN recurriu á “Foto-guía de combustibles forestales de Galicia y comportamiento del fuego asociado” de Arellano et al. (2016) e para todos os casos que contempla de lumes en vexetación de piñeiros (19 de Pinus pinaster, 15 de P. radiata e 13 de P. sylvestris), de eucaliptos (17 de Eucalyptus globulus) e de carballos (16 entre Quercus robur e Q. pyrenaica) recompilou os datos de comportamento do lume nun escenario “intermedio”: 20% de pendente e 30 km/h de vento (a publicación contempla pendentes de 0-40% e ventos de 0-60 km/h).
Propagación do lume nas distintas formacións arbóreas
Nesas condicións “intermedias”, a menor velocidade de propagación do lume, con diferencia, atópase nas carballeiras (promedio de 6 m/min), mentres que nos eucaliptais a velocidade e 2 veces maior (12 m/min) e nos piñeirais entre 3 e 4 veces maior (18-23 m/min).
Pero, ademais, mentres que nas carballeiras nunca se detecta risco de que aparezan lumes secundarios, nun 35-40% dos lumes en eucaliptais e piñeirais hai risco de que as faíscas ou muxicas xeneren lumes secundarios a distancias de ata 0,5 km en piñeirais e 1,9 km en eucaliptais.
Por último, pero igualmente moi importante, en ditas condicións nun 94% dos lumes en carballeiras é posible intentar a súa extinción directa (mesmo con medios manuais nun 30% dos casos), mentres que, pola súa maior dificultade e riscos, é necesario recurrir ao ataque indirecto con medios mecánicos (motobombas, bulldozers, avións ou helicópteros) na meirande parte dos lumes en piñeirais (46% en P. sylvestris, 63% en P. pinaster, 73% en P. radiata) e eucaliptais (67% en E. globulus).
Nos escasos exemplos que contempla a publicación para soutos de castiñeiros (Castanea sativa) e bidueirais (Betula alba) – dous para cada especie – os resultados son semellantes aos das carballeiras.
CONCLUSIÓN: nos bosques de caducifolias autóctonas os lumes propáganse máis despacio e son máis doados de apagar.
E nas matogueiras?
Os defensores do eucalipto argumentan que en caso de incendios forestais son máis perigosas as matogueiras, pois a velocidade de propagación do lume nelas é maior, e que a meirande parte da superficie anualmente queimada en Galicia está cuberta por mato. Aínda máis, poñen como exemplo de que os eucaliptos non supoñen un risco maior indicando que nos distritos forestais do norte da Coruña e Lugo, onde se concentra a metade dos eucaliptais de Galicia, a incidencia dos lumes forestais é mínima. Qué hai de verdade nisto?
- Certamente os lumes propáganse máis rápido nas matogueiras. O estudo de Arellano et al. (2016) indica que nas mesmas condicións antes contempladas para as formacións forestais (pendente 20%; velocidade do vento 30 km/h) o lume avanza a 35-40 m/min en breixeiras (Erica spp.), carqueixais (Pterospartum tridentatum) e toxeiras (Ulex spp.), e a 56 m/min en xesteiras (Cytisus spp.). Iso sí, non indica que haxa risco de lumes secundarios nos incendios de matogueiras, vantaxe que non se debe esquecer.
- Tamén é verdade que no norte da Coruña e Lugo hai poucos lumes, pero iso non é porque haxa moitas plantacións de eucaliptos moi rendibles e supostamente moi ben xestionadas, senón grazas ás condicións climáticas, baste recordar que o único treito de autovía ou autopista de toda Galicia (e de España) que ten que pecharse reiteradamente pola falta de visibilidade debido á néboa está precisamente no norte de Lugo.
Máis sobre eucaliptos e ecosistemas
Este artigo forma parte da colección desta web sobre eucaliptos e ecosistemas, que está baseada nunha revisión bibliográfica de publicacións científicas incluidas no “Journal Citation Reports” (JCR) da “Web of Science/Web of Knowledge”. As palabras chave empregadas na búsqueda foron “eucalyptus” e “eucalypte(s)”. Nalgúns temas con pouca información dispoñible, incluíronse ademais algunhas publicacions de Galicia e Portugal non recollidas no JCR. Seleccionáronse só estudos feitos na península ibérica e, moi excepcionalmente, noutras zonas de clima semellante (que de ser o caso indícanse no texto). Outros artigos xa dispoñibles nesta web con información sobre os efectos dos eucaliptos nos ecosistemas: