Eucaliptos e auga

Eucaliptos e cantidade de auga

A información dispoñible para Galicia indica que as plantacións de Eucalyptus globulus alteran os reximes hidrolóxicos nas bacías. Os solos baixo eucaliptais son moi hidrofóbicos, provocando grandes fluctuacións estacionais nos caudais (Abelho e Graça, 1996).

Así, o cambio de uso dunha rotación forraxeira millo-pasteiro a unha plantación de E. globulus alterou a hidroloxía da estación seca nunha pequena bacía, facendo que o nivel da capa freática ao cabo de seis anos baixase o doble de rápido que antes da plantación (Rodríguez-Suárez et al., 2011). Durante os 10 primeiros anos dunha plantación de E. globulus o caudal diminuiu nun 22% debido a unha maior intercepción da chuvia (sobre todo no período húmido) e a unha maior evapotranspiración durante o período seco (Rodríguez-Suárez et al., 2014). No mesmo senso, cando hai un menor demanda de auga polas plantacións de eucaliptos aumentan os caudais nos cursos de auga, por exemplo nun 47% despois dun clareo da masa ou nun 22% durante cinco anos de afección por unha praga de Gonipterus scutellatus (Fernández et al., 2006).

Plantación ilegal de eucaliptos en predio agrícola da parcelaria
Plantación ilegal de eucaliptos nun predio agrícola no que se fixo a concentración parcelaria

Como consecuencia, os investigadores recomendan que a influencia da plantación de E. globulus sobre as reservas e as descargas de auga debería terse en conta no manexo da bacía hidrolóxica (Rodríguez-Suárez et al., 2011) . Na mesma liña, compre salientar que, hai máis de 30 anos, en Portugal xa se coñecían problemas coa baixada da capa freática e o subministro de auga en zonas con escasas precipitacións e e grandes plantacións de Eucalyptus (Kardell et al., 1986) .

Eucaliptos e calidade da auga

As plantacións de eucaliptos producen ao redor dun 20% menos de follasca que os bosques caducifolios mixtos, pero máis repartida ao longo do ano Graça et al., 2002; Bañuelos et al., 2004; Molinero e Pozo, 2004). As follas de E. globulus teñen un maior contido de aceites esenciais, fenoles e taninos (Bärlocher et al., 1995; Canhoto e Graça, 1999) e menor de nutrientes, apenas a metade no caso de nitróxeno e fósforo (Molinero e Pozo, 2004). Por este motivo:

  • Os seus lixiviados diminúen o contido de osíxeno das augas, aumentando a súa acidez, conductividade e contido fenólico (Canhoto e Laranjeira, 2007).
  • Os fungos acuáticos colonizan con máis dificultade as súas follas (Canhoto e Graça, 1999).
  • As súas follas descompóñense máis lentamente sobre todo se as augas xa son oligotróficas, é dicir, pobres en nutrientes (Bärlocher et al., 1995; Canhoto e Graça, 1996; López et al., 2001; Graça et al., 2002; Bañuelos et al., 2004; García et al., 2014).
Follasca de Eucalyptus globulus
Follasca de Eucalyptus globulus

Eucaliptos e invertebrados acuáticos

A alteración, en cantidade e calidade, dos aportes de materia orgánica particulada nos eucaliptais afecta á viabilidade e á ecoloxía dos macro-invertebrados acuáticos (Bañuelos et al., 2004; Graça et al., 2002; Canhoto e Laranjeira, 2007; García e Pardo, 2012, 2015).

Os monocultivos de eucaliptos afectan ás comunidades de macro-invertebrados bentónicos en cauces fluviais pequenos, reducindo tanto o número de invertebrados como o de taxóns presentes, incluidos algúns dos principais taxóns de macroinvertebrados acuáticos como Echinogammarus sp., Leuctra spp., Brillia bifida e Nemouridae (Basaguren e Pozo, 1994; Abelho e Graça, 1996; López et al., 1997; García e Pardo, 2012; García et al., 2014).

As follas de eucaliptos son un alimento pobre para os trituradores, que nalgúns casos son incapaces de crecer e morren cando só dispoñen de follas de eucalipto (Graça et al., 2002). O tricóptero Sericostoma vittatum exposto a altas concentracións de lixiviados de follas de eucalipto é incapaz de medrar e morre en menos de 30 días, mesmo tendo dispoñible alimento de alta calidade, e as súas larvas de S. vittatum expostas á metade da concentración son incapaces de pupar e morren en menos de 100 días (Canhoto e Laranjeira, 2007). No caso dos quironómidos – un dos principais grupos de consumidores primarios de detritus ata o punto de ser un eslabón crítico nas cadeas tróficas dos ecosistemas fluviais – o crecemento das larvas, a súa biomasa total e o número de individuos que emerxen como adultos son menores nas follas de eucaliptos que nas de especies caducifolias como amieiros, carballos e castiñeiros (García e Pardo, 2012, 2015). Posto que os quironómidos son presas frecuentes das larvas de peixe, a súa diminución podería repercutir negativamente sobre a ictiofauna dos ríos (García e Pardo, 2012).

Pódese reducir o impacto nos ecosistemas acuáticos?

A conservación de franxas de vexetación ripararia semella a mellor vía para protexer o funcionamento ecolóxico dos pequenos cursos fluviais en áreas forestais (Abelho e Graca, 1996; Graca et al., 2002; Molinero e Pozo, 2004; Ferreira et al., 2016).

Máis sobre eucaliptos e ecosistemas

Este artigo forma parte da colección desta web sobre eucaliptos e ecosistemas, que está baseada nunha revisión bibliográfica de publicacións científicas incluidas no “Journal Citation Reports” da “Web of Science/Web of Knowledge”. As palabras chave empregadas na búsqueda foron “eucalyptus” e “eucalypte(s)”. Nalgúns temas con pouca información dispoñible, incluíronse ademais algunhas publicacions de Galicia e Portugal non recollidas no JCR. Seleccionáronse só estudos feitos na península ibérica e, moi excepcionalmente, noutras zonas de clima semellante (que de ser o caso indícanse no texto). Outros artigos xa dispoñibles nesta web con información sobre os efectos dos eucaliptos nos ecosistemas:

Bibliografía citada

  • Abelho, M., Graça, M.A.S. 1996. Effects of eucalyptus afforestation on leaf litter dynamics and macroinvertebrate community structure of streams in central Portugal. Hydrobiologia 324, 195-204.
  • Bañuelos, R., Larranaga, S., Elosegi, A., Pozo, J. 2004. Effects of eucalyptus plantations on CPOM dynamics in headwater streams: a manipulative approach. Archiv Für Hydrobiologie 159, 211-228.
  • Bärlocher, F., Canhoto, C., Graça, M.A.S. 1995. Fungal colonization of alder and eucalypt leaves in 2 streams in central Portugal. Archiv Für Hydrobiologie 133, 457-470.
  • Basaguren, A., Pozo, J. 1994. Leaf-litter processing of alder and eucalyptus in the Aguera stream system (northern Spain). 2. Macroinvertebrates associated. Archiv Für Hydrobiologie 132, 57-68.
  • Canhoto, C., Graça, M.A.S., 1996. Decomposition of Eucalyptus globulus leaves and three native leaf species (Alnus glutinosa, Castanea sativa and Quercus faginea) in a Portuguese low order stream. Hydrobiologia 333, 79-85.
  • Canhoto, C., Graça, M.A.S., 1999. Leaf barriers to fungal colonization and shredders (Tipula lateralis) consumption of decomposing Eucalyptus globulus. Microbial Ecology 37, 163-172.
  • Canhoto, C., Laranjeira, C. 2007. Leachates of Eucalyptus globulus in intermittent streams affect water parameters and invertebrates. International Review of Hydrobiology 92, 173-182.
  • Fernández, C., Vega, J.A., Gras, J.M., Fontúrbel, T. 2006. Changes in water yield after a sequence of perturbations and forest management practices in an Eucalyptus globulus Labill. watershed in Northern Spain. Forest Ecology and Management 234, 275-281.
  • Ferreira, V., Koricheva, J., Pozo, J., Graça, M.A.S., 2016. A meta-analysis on the effects of changes in the composition of native forests on litter decomposition in streams. Forest Ecology and Management 364, 27-38.
  • García, L., Pardo I., 2012. On the way to overcome some ecological riddles of forested headwaters. Hydrobiologia 696, 123-136.
  • García, L., Pardo, I., 2015. Food type and temperature constraints on the fitness of a dominant freshwater shredder. Annales de Limnologie – International Journal of Limnology 51, 227-235.
  • García, L. Pardo, I., Richardson, J.S., 2014. A cross-continental comparison of stream invertebrate community assembly to assess convergence in forested headwater streams. Aquatic Sciences 76, 29-40.
  • Graça, M.A.S., Pozo, J., Canhoto, C., Elosegi, A.2002. Effects of Eucalyptus plantations on detritus, decomposers, and detritivores in streams. TheScientificWorldJOURNAL 2, 1173-1185.
  • Kardell, L., Steen, E., Fabiao, A., 1986. Eucalyptus in Portugal – A threat or a promise. Ambio 15, 6-13.
  • López, E.S., Felpeto, N., Pardo, I., 1997. Methodological comparisons in processing of alder and Eucalyptus leaves in a forested headwater stream. Limnetica 13, 13-18.
  • López, E.S., Pardo I., Felpeto, N., (2001). Seasonal differences in green leaf breakdown and nutrient content of deciduous and evergreen tree species and grass in a granitic headwater stream. Hydrobiologia 464, 51- 61.
  • Molinero, J., Pozo, J. 2004. Impact of a eucalyptus (Eucalyptus globulus Labill.) plantation on the nutrient content and dynamics of coarse particulate organic matter (CPOM) in a small stream. Hydrobiologia 528, 143-165.
  • Rodríguez Suárez, J.A., Díaz-Fierros, F., Pérez, R., Soto, B. 2014. Assessing the influence of afforestation with Eucalyptus globulus on hydrological response from a small catchment in northwestern Spain using the HBV hydrological model. Hydrological Processes 28, 5561-5572.
  • Rodríguez-Suárez, J.A., Soto, B., Pérez, R., Díaz-Fierros, F. 2011. Influence of Eucalyptus globulus plantation growth on water table levels and low flows in a small catchment. Journal of Hydrology 396, 321-326.