9ª edición de “Na procura do abellaruco”

Por noveno ano consecutivo cumpriuse o obxectivo aínda que desta costou algo máis.

Cando falla o plan “A”

Iniciamos o camiño buscando ao abellaruco na periferia de Trives. O día comenzou fresco e cunha nebóa lixeira que se deixou notar na actividade dos insectos e, probablemente tamén na dos abellarucos. Nos últimos días tiñamos constancia da presencia das aves pero xa se sabe “unhas veces están e outras non”. A colonia de abellarucos da periferia de Trives ten seguemento desde 2013 e nos últimos anos contaba con entre 6 e 8 parellas que aniñaban, mentras que este ano detectouse únicamente unha. A falta de actividade pode indicar que houbese algún problema: por unha banda nun dos niños observamos un lagarto arnal moi capaz de dar conta de ovos ou polos e, nalgunha outra zona, ben poidera ser que as aves sufran as molestias das máquinas desbrozadoras que “raspan” os noiros das estradas e pistas.

Con todo, o lugar ben mereceu a pena pois ademáis dunha paisaxe agro-gandeira tradicional de lamerios con sebes de arborado e gando vacún pastando, no tempo que estivemos poidemos ver: picanzo vermello, chasco europeo, papuxa común, peto formigueiro, estorniño negro, miñato negro, ferreiriño común, ….

…sempre temos un plan “B”

Como neste primeiro punto non fomos quen de albiscar ao abellaruco, houbo que recurrir ao plan B, desprazámonos entón cara á zona de Manzaneda coa esperanza de observar esta especie en lugares axeitados e contrastados. Así foi, xa chegando cós coches dous exemplares están pousados nos fíos do tendido eléctrico nas inmediacións da colonia de crianza. Os vehículos agrupáronse deixando certa distancia ata o noiro onde están os niños e pouco despois de aparcar os abellarucos voaban e pousaban coas súas presas das que principalmente identificamos bolboretas e libeliñas.

Na veiga de Sas de Penelas

Despois dun rato, non moi longo para molestar o menos posible, e coa misión da xornada cumprida toca achegarse ata Sás de Penelas onde nos agarda unha curiosidade. Na área recreativa Fonte de A veiga de Sás hai unha surxencia de aguas termais sulfurosas. Non é a única pois preto de Castro Caldelas hai outra: a Fonte de Piñeira que xa tiña a catalogación de Ben de Interese Público no século XIX. Ambas surxencias son ben coñecidas dos veciños polas súas propiedades mediciñais.

A carón da ponte que atravesa o regato de Penelas está a surxencia nunha fonte e nunha poza de pedra. Levando como levamos a un experto xeólogo o primeiro é coñecer a temperatura da auga termómetro en mán: hoxe 16º. De seguido veñen as explicacións sobre o lugar e as características destas augas mineromedicinais empregadas para tratamentos da pel e dixestivos. A exposición complétase con indicacións sobre as variacións derivadas da mezcla destas augas coas augas superficiais do lugar e as súas consecuencias, a problemática destas augas noutros puntos da nosa provincia, un tema moi interesante que teremos que abordar nalgún outro momento pois o progama da xornada é moi denso e estanos a agardar xá na seguinte parada.

“Como Cabras”

“Como Cabras” é unha explotación gandeira onde nos recibe unha parella nova que xunto con outros mozos deixaron a vida urbana e fixeron das cabras o seu xeito de vida cun proxecto cooperativo que arrancou no ano 2004 en terras de Castro Caldelas. Na cooperativa “Como Cabras” coidan un rebaño de cabras da raza murciana-granadina, moi rústica e de gran podución de leite para facer queixo que comercializan baixo o nome “Touza vella”, nome do lugar onde se asenta esta explotación ben atendida, equipada e organizada na que é moi importante o benestar animal e o estado sanitario dos exemplares.

Durante a visita escoitamos as explicacións detalladas que nos ofrecen Jorge e Rocío sobre o seu traballo coas cabras ata obter o seu producto: un queixo artesano feito con leite crú sen ningún tipo de tratamento térmico e mediante coagulación enzimática. Todo esto entre charlas e comentarios sobre outros temas moi interesantes: a incidencia das cabras sobre a vexetación e mesmo sobre as árbores, a expasión da poboación de porco bravo, o efecto predador dos gatos sobre o entorno, … E xa que estamos, nada como probar e mercar uns queixos a escoller entre varios tipos segundo o grao de maduración, claro que a elección non foi nada doada porque todos están moi bós.

A pausa para o xantar

Sendo xa hora, toca xantar, nesta ocasión no restaurante Valilongo no lugar do mesmo nome, para recuperar forzas, descansar un chisco e pasar as horas de máis calor entre viandas, amigos e conversas variadas para, sin extenderse demasiado, seguir có programa previsto.

No miradoiro de Triguás

Así collemos os coches e circulamos por unha estrada estreitiña entre fincas con peches de pedra tradicionais aínda ben conservados, separando lameiros e arboredos e atravesando pequenos pobos semi abandonados ata chegar ao mirador de Triguás. Dende alí disfrutamos de todo un espectáculo cunha ampla panorámica, malia que a tarde non estaba moi clara. Inevitable localizar algúns puntos senlleiros: Monforte, santuario de Cadeiras, Castro Caldelas, Serra do Burgo, Cabeza de Meda, Pena Trevinca, … e, por suposto, o canón do Sil aos nosos pés. Con tanto que ver e comentar xorden as típicas preguntas sobre a xeoloxía, dilixentemente respostadas por Xosé Ramón có apoio da máis avanzada tecnoloxía dixital: LIBRETA E BOLI. Queda dar unha voltiña á capela e seguir camiño cara a Teimende onde están previstas dúas visitas.

No museo do chocolate en Teimende

A primeira, o museo de Chocolate, xestionado polo concello de Parada de Sil. A fábrica de chocolate da familia Casares foi referente da zona case durante un século e hoxe o museo lembra a memoria desta actividade a través da visita guiada na que se fai un percorrido detallado polo proceso de fabricación industrial dos chocolates Caldelas a través dos elementos e maquinarias que se expoñen no museo. Para moitos dos participantes foi realmente un descubrimento e unha sorpresa que non fai máis que evocar o carácter emprendedor das xentes de Parada de Sil.

Nos “Ecos da pedra”, tamén en Teimende

Semella que a tradición segue porque falando de emprendedores en Teimende hai que visitar “Ecos da pedra” empresa asentada na antiga escola unitaria na cal elabóranse artesanalmente diferentes tipos de licores. Nun ambiente distendido escoitamos a experiencia de Diego, retornando ás súas raíces, e algúns dos seus proxectos. O primeiro a recuperción das vellas recetas familiares de licores en base a boas augardentes e mestura de herbas chartreuse (coa fórmula elaborada dende antano pola farmacia de Trives) ou mestura de cafés naturais do Brasil e de comercio xusto. Ademáis destes produtos principais trata de utilizar tódolos subprodutos xerados por exemplo para a elaboración de xabóns. E iso non é todo porque ademáis organiza os concertos no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Rematando a xornada

Con esto dase fin a xornada na que se cumpriron as expectativas, sobre todo a observación da estrela do día: o abellaruco; e serviu para dar a coñecer e achegarnos a ese noso entorno inmediato e, as veces, tan descoñecido disfrutando dos recursos naturais e apoiando as iniciativas que contribúen ao mantemento da poboación no rural.

Moitas grazas a todo os participantes e as persoas que nos atenderon en cada unha das actividades da xornada e, …. xa estamos a preparar a vindeira que será a 10ª edición de “Na Procura do Abellaruco”.