Veiga de Gomareite: a recuperación dun recuncho de Antela

O complexo húmido Limia-Antela

Cunhas 3400 ha no inverno e unhas 1300 ha en verán, a Lagoa de Antela foi a “xoia da coroa” do grande complexo húmido de A Limia, ao que as veigas asolagables contribuían con outras 4200 ha en inverno e unhas 200 ha no verán.

Lamentablemente, as transformacións hidrolóxicas comezadas en 1958 levaron a desaparición deste magnífico complexo húmido, provocando o maior episodio de extinción de especies dos últimos séculos en Galicia e decimando as poboacións doutras hoxe consideradas ameazadas. Posteriormente, as concentracións parcelarias e o abandono da gandería extensiva provocaron a desaparición de case todos os pasteiros (semi)naturais moi húmidos e a degradación dos que subsisten, causando o declive poboacional das especies asociadas aos mesmos, varias das cales atópanse hoxe ameazadas a nivel ibérico, europeo ou mesmo mundial.

Unha raiola de esperanza

Dende a súa creación o 02-02-2011, coincidindo co 40 aniversario da Convención de Ramsar, SGHN-Sección Antela traballa para compatibilizar a recuperación de humidais e zonas marxinais de Antela e o resto de A Limia coa explotación agro-gandeira sostible, sen afeccións negativas aos sectores económicos produtivos.

A Veiga de Gomareite

A Veiga de Gomareite ten 70 hectáreas e atópase no extremo suroeste do concello de Vilar de Barrio, xusto onde conflúe cos de Xunqueira de Ambía e Sarreaus. En tempos, a veiga estaba cuberta polas augas da Lagoa de Antela en inverno-primaveira e nas estiaxes o gando extensivo pacía os seus pasteiros. Na actualidade a veiga está incluida na ZEPA de A Limia.

Por acordo da comunidade de montes veciñais en mán común de Vilar de Gomareite, a “Veiga” está dividida en lotes, arrendados a distintos comuneiros. No terzo norte non cultivado da Veiga aínda está representada a paisaxe tradicional das marxes da antiga lagoa de Antela e as veigas da súa contorna, con charcas temporais e un mosaico de pasteiros e matogueiras máis ou menos húmidas de elevado valor ambiental.

Grazas ao mantemento desa paisaxe tradicional e ao asolagamento temporal, a parte non cultivada da “Veiga de Gomareite” aínda acubilla unha notable representación de especies escasas ou inºcluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), entre elas Orchis fragans, Serapias lingua, Serapias cordigera, Eryngium viviparum, Lepidurus apus, Gasterosteus gymnurus (espinoso ou picón), Pelobates cultripes (sapo de esporóns), Hyla molleri (estroza ou rairo), Circus cyaneus (gatafornela ou ave rapina), Circus pygargus (tartaraña cincenta ou ave rapina), Tetrax tetrax (sisón), Burhinus oedicnemus (pernileiro ou correbois), Charadrius dubius (arieiro pequeno), Vanellus vanellus (conícora), Gallinago gallinago (cabra do aire) e Numenius arquata (zarapico).

Custodia do Territorio na Veiga de Gomareite

Para conservar os notables valores ambientais da veiga é preciso manter a explotación gandeira tradicional en extensivo e os asolagamentos estacionais en parte da parcela. Tamén é imprescindible eliminar os principais factores de ameaza, nomeadamente as verteduras de lixo e entullos e outras actividades insostibles e pouco respectuosas co medio, así como evitar o avance do mato.

Neste escenario, SGHN abordou o reto de demostrar que é posible, e necesario, a recuperación de humidais e especies ameazadas cun enfoque global e integrador, colaborando co sector primario (agricultura e gandería) e prestando atención a toda a biodiversidade (flora, invertebrados, peixes, hérpetos, aves e mamíferos). Con eses fins, dende o 05-06-2014 o comuneiro que ten alugado o lote non cultivado da “Veiga de Gomareite” e SGHN manteñen un acordo de Custodia do Territorio nas 22 ha no terzo norte da veiga (raiado en amarelo no seguinte mapa).

Actuacións de SGHN na Veiga de Gomareite

Conforme ao establecido no acordo de Custodia do Territorio, desenvolvéronse ata agora 13 xornadas de limpeza con traballo de voluntarios e custo de xestión de residuos asumido por SGHN (3), Xarxa de Custodia del Territori (2) e as axudas de apadriñamento 2017, 2018, 2019 e 2020 (8) “Libera Naturaleza sin basura” de SEO/BirdLife-Ecoembes. Ademais, organizáronse unha media ducia de xornadas de control do mato con voluntarios.

Xornadas voluntariado SGHN

Xornadas voluntariado SGHN-Xarxa de Custodia del Territori

Xornadas voluntariado SGHN- Libera Naturaleza sin basura 2017-18-19-20 (SEO-ECOEMBES)

Desenvolvéronse, asimismo, catro proxectos con cargo ás “axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia “, nas convocatorias correspondentes aos anos 2016-17, 2018-19 e 2020-21.

Situación actual da Veiga de Gomareite

O obxectivo de recuperar a veiga e prolongar o asolagamento, retirando materiais vertidos ao chou ao longo de anos e recuperar a gandeiría tradicional en extensivo é xa unha realidade. Mellorable con traballos xa programadas, pero unha realidade. O terzo norte da Veiga de Gomareite recuperado por SGHN en colaboración coa comunidade veciñal propietaria aseméllase a como era antes da desecación da Lagoa de Antela. Durante o inverno e a primavera a veiga está parcialmente cuberta por unha lámina de augas pouco fondas, como antano. Cando as augas baixan o gando vacún pastorea na veiga, como antano.

Grazas a iso, consérvase a importantísima poboación de Eryngium viviparum e unha fauna diversa dispón de refuxio e alimento. Invertebrados de distribución moi restrinxida como o Lepidurus apus. Anfibios ameazados como o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e a estroza (Hyla molleri). E unha grande diversidade de aves, sexan migrantes ou reprodutoras na zona: garzas (Ardea cinerea), cegoñas brancas (Ciconia ciconia), patos (Anas platyrhynchos, A. acuta, A. crecca, A. clypeata) e limícolas como a cabra do aire (Gallinago gallinago), a cegoñela (Himantopus himantopus), biluricos (Tringa totanus, T. nebularia, T. ochropus), e, por suposto, conícoras (Vanellus vanellus).

  • Resume dos residuos retirados da veiga e entregados por SGHN a xestor autorizado ou reutilizados in situ (pedras):
    • Vidro: 5,2 m3
    • Plásticos: 19,5 m3
    • Pneumáticos: 76 uds.
    • Madeira: 2 m3
    • Residuos mesturados: 119 m3
    • Entullos: 120 m3
    • Pedras de antigos muros: aprox. 3.100 m3

  • Divulga ti tamén!