Seguimos en racha: 13 de 13
As Terras de A Mezquita teñen moito que ofrecer tanto dende o punto de vista cultural como natural e a procura do abellaruco é unha moi boa excusa para achegarse e coñecer este recuncho da nosa provincia.
A xornada deste día 01/07/2023 arranca coa visita a un muiño de dúas moas restaurado que conserva os seus elementos de traballo, tanto e así que e ata fai pouco tempo púñase a andar con fins demostrativos. O funcionamento dos muiños de auga é a un tempo sinxelo e complexo, baséase no uso da auga para mover un inxenioso sistema de elementos rotativos: a auga derivada do río é “levada” para caer con moita forza sobre o rodicio de xeito que o xiro deste tansmítese ás moas onde se moe o gran que cae dende a moxega. Segundo explica o compañeiro Carlos a preparación das moas de granito ten a súa ciencia e precisa un traballo continuado para facer unha boa fariña, que maiormente sería de centeo.
Á beira do río Diabredo e do muiño exténdense unhas fermosas praderías nas que empezan a voar as bolboretas como: Melanargia lachesis, Maniola jurtina, Thymelicus sylvestris, …






Exame previo de coñecementos teóricos (con premio)
O preparatorio para iniciar a busca do abellaruco non puido ser máis axeitado, nada mellor que avaliar os coñecementos dos participantes sobre a especie cun xogo dirixido polo compañeiro Antonio coa colaboración da súa axudante. O xogo tiña recompensa, nada máis nin nada menos que un premio en metálico para o equipo gañador. Palpábase no ambiente a competitividade entre os cinco equipos máis ao final, como non podía ser doutro xeito, quedamos todos como amigos compartindo o ansiado premio.









Logo da teoría ven a práctica
Circulando por estradas e atravesando algún pobo a caravana de vehiculos detívose no primeiro punto de observación tentando localizar algún abellaruco; tratábase dunha zona aberta de lameiros preto dun regato onde se escoitaba un ouriolo agochado nas árbores do regato e nos castiñeiros da contorna. Por máis que se inspeccionou o ceo -buscando entre os grupos de cirrios- e o arboredo -buscando pousadoiros- non houbo sorte e non apareceu o abellaruco; si ben as furas nun noiro indicaban a presenza máis que probable da especie.






Despois deste intento infructuoso, tentouse outra ubicación que, segundo os organizadores, era algo máis favorable; unha zona de paisaxe con máis arboredo, algún cultivo e campos abertos. Ao pouco de empezar a camiñar ao longo da estrada xa se escoitou á nosa esperada estrela, eso si, estaban a voar moi lonxanas e con desprazamentos tan rápidos que so permitiron a observación a uns poucos. Pero eso xa era un bo sinal e presaxiaba o éxito, como así foi. Alí estaban dous exemplares pousados nas polas secas dun carballo, as aves estaban atentas aos acontecementos da contorna e, máis que probablemente, contrariados pola intromisión dun numeroso grupo de “paparazzi” na súa vida cotiá.



No mesmo lugar unha levada de auga na beira da estrada foi outro punto de interese na busca de anfibios da man de Alberto que foi quen de capturar exemplares das dúas especies de limpafontes: Lisotriton boscai e Triturus marmoratus.
Entre unhas e outras, a mañá pasou voando (como os primeiros abellarucos) e chegou a hora de xantar, refescarse e descansar un chisco nas horas de máis calor.
Á sombra dos castiñeiros
Prevendo que durante a primeira hora da tarde a temperatura sería elevada, semellaba oportuno visitar un souto ao carón do Cádavos; nesta zona hai dous castiñeiros que están incluídos no Catálogo de Árbores Senllerias de Galicia e que merece a pena coñecer; á vista dos castiñeiros que forman o souto, algúns dos presentes consideran que, máis que dúas árbores senlleiras, este souto debera estar incluído no catálogo de senlleiras coa categroía de formación.
Acollidos baixo a sombra dos magníficos castiñeiros, os pequenos grupos de persoas foron inevitables e houbo tempo para falar de todo un pouco, para observar bolboretas e mesmo arañas, neste caso unha araña lobo da que se atopou un macho e da que o compañeiro David fíxonos unha moi boa presentación.












Á procura de máis abellarucos
… Qué vós parece tentar outra vez o abellaruco? … que nos vai parecer … imos aló!!! cara a outra ubicación en zona de monte con matorral de xestas e uns poucos soutos novos ao carón da estrada para tentar poñer o broche final a esta nova fantástica xornada coñecendo un pouco mellor o noso patrimonio. E … SI … alí estaban outros dous exemplares pousados nos cables do tendido eléctrico algo lonxe, problema resolto ao montar os telescopios para observar estas coloridas aves e xunto a elas … pardal das rochas, chasco común, tartana cincenta, e algunha outra cousiña máis e sobre todo un trigueirón que deu pé a algo de debate. Con todo non cabe máis que felicitar aos organizadores polo seu traballo para preparar a xornada e ter paciencia para dirixir un grupo tan numeroso como o deste ano … de participación récord.






Coñecendo A Mezquita
Pouco a pouco había que ir retirándose, pero xa que tiñamos que pasar por A Mezquita, unha paradiña para ver o pazo, a igrexa e as pozas era unha tentación do suficiente interese para os máis remisos a rematar; así que o fin de festa foi no pobo da Mezquita e tivemos a sorte de que nos deixasen ver de cerca o pazo (que alí chaman “palacio”) e poder aceder ó interior da igrexa; así que, desde estas liñas, agradecemos as persoas do pobo a súa amabilidade e atención.








Pois sí, saímos airosos desta décimoterceira edición de “Na procura do abellaruco” aínda que para algúns ese número era un mal agoiro. E máis nada, a partir de xa! hai que empezar a preparar a seguinte edición.
Como sempre moitas grazas a todos os participantes e a todas as persoas que fixeron posible unha fantástica xornada coñecendo algo mellor o noso rico patrimonio natural e cultural.
Vémonos na XIV.
Listaxe de especies vistas
PLANTAS Achillea millefolium Alnus glutinosa Castanea sativa Cytysus multiflorus Cytysus scoparius Dactylorhiza maculata Digitalis purpurea Erica australis Erica tetralix Erica umbellata Jasione montana Juncus spp Linaria elegans Linaria triornitophora Lotus corniculatus Quercus pyrenaica Quercus robur Rubus sp Salix atrocinerea Thymus spp Ulex europaeus Ulmus sp BOLBORETAS Argynnis pandora Aricia cramera Brintesia circe Coenonympha arcania Colias crocea Gonepteryx rhamni Lampides boeticus Leptidea sinapis Leptotes pirithous Lycaena phlaeas Macroglossum stellatarum Maniola jurtina Melanargia lachesis Melitaea spp Ochlodes sylvanus Polygonia c-album Polyommatus icarus Thymelicus sylvestris Vanessa atalanta | LIBÉLULAS Calopteryx virgo Cordulegaster boltonii Lestes dryas Libellula quadrimaculata Pyrrhosoma nymphula Sympetrum sanguineum ARAÑAS Hogna radiata Mangora acalypha Oxyopes sp Pisaura mirabilis Synema globosum Textrix sp Uloborus walckenaerius ANFIBIOS Epidalea calamita Lissotriton boscai Pelophylax perezi Triturus marmoratus RÉPTILES Anguis frangilis Natrix maura Podarcis bocagei MAMÍFEROS Sus scrofa Vulpes vulpes | AVES Apus apus Carduelis carduelis Cecropis daurica Certhia brachydactyla Ciconia ciconia Circus pygargus Columba palumbus Corvus corone Cuculus canorus Curruca iberiae Cyanistes caeruleus Delichon urbicum Emberiza calandra Erithacus rubecula Hieraaetus pennatus Hippolais polyglotta Hirundo rustica Lanius meridionalis Linaria cannabina Merops apiaster Milvus migrans Milvus milvus Motacilla alba Oriolus oriolus Passer domesticus Passer montanus Pernis apivorus Petronia petronia Phoenicurus ochruros Phylloscopus bonelli Pica pica Picus sharpei Saxicola rubicola Serinus serinus Sitta europaea Streptopelia turtur Sturnus unicolor Sylvia atricapilla Troglodytes troglodytes Turdus merula Turdus viscivorus Upupa epops |