Hoxe, 21 de setembro, é o Día Internacional contra os Monocultivos de Árbores. Preocupados pola dimensión do problema do monocultivo de eucaliptos en Galicia e noutros lugares do norte da Península Ibérica, o Grupo Naturalista Hábitat, ADEGA, SGHN, Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, FEG, SEO/Pontevedra e Brexa Custodia do Territorio fan público un manifesto de dez puntos onde reclaman que as árbores do xénero Eucalyptus sexan catalogados oficialmente como especies exóticas invasoras a nivel español:
- Que a expansión dos monocultivos das árbores do xénero Eucalyptus en Galicia é un dos tres principais problemas ambientais da comunidade. Asturias, Cantabria e o País Basco, ademais do veciño Portugal, teñen tamén problemáticas similares coa expansión do eucalipto.
- Que existe en Galicia unha industria forestal, baseada principalmente na plantación masiva de eucaliptos, que é insostible ambientalmente, e cuxo impacto ambiental é negado sistematicamente tanto polo sector forestal como, sorprendentemente, pola propia Xunta de Galicia.
- Que, segundo o ditame unánime e ben argumentado cientificamente do Comité Científico do antigo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (ano 2017), todas as especies de Eucalyptus naturalizadas en España deben ser incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, polo seu carácter invasor e capacidade transformadora del medio (Apéndices A e B).
- Que o Goberno de España rexeitou dita inclusión empregando como argumento un único informe dun académico con vínculos coa pasteira ENCE, beneficiaria última da non catalogación dos eucaliptos como invasores en España (Apéndice C).
- Que recursos e iniciativas posteriores para lograr a aplicación do ditame do devandito Comité Científico, e incluír aos eucaliptos como invasores, foron infrutuosas (Apéndice D e E).
- Que existen novas evidencias do carácter invasivo do xénero Eucalyptus, publicadas despois de 2017. Entre elas, varios artigos científicos recentes, sen declararse conflitos de intereses, que corroboran a capacidade invasora dos eucaliptos en matogueiras e bosques de ribeira, mesmo en zonas protexidas, en España e Portugal (Apéndice F).
- Que, a pesar das evidencias, sectores próximos aos monocultivos de eucalipto en Galicia seguen a publicar artigos sobre as supostas “bondades” destas árbores exóticas, obviando ou negando o seu carácter invasor. Hai, de novo, indicios de conflitos de interese, nos que os triángulos eucalipto-ENCE-universidade e eucalipto-ENCE-centros de investigación son doadamente trazables (Apéndices G e H).
- Existe unha urxencia na declaración dos eucaliptos como invasores, para diminuír o risco de grandes incendios amparados na moito maior inflamabilidade dos monocultivos de eucaliptos comparados coas frondosas caducifolias (Apéndice I).
- Dita deseucaliptización, unido a medidas de restauración de hábitats, propiciará a recuperación da biodiversidade, dos solos e das augas subterráneas (Apéndices J, K e L).
- Por último, confirmar a necesidade de iniciativas tanto de presión para frear as políticas de monocultivos actuais como de deseucaliptización activa (Apéndice M).
Apéndices:
- A consulta CC 30/2017 relativa á posible inclusión das árbores do xénero Eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, regulado polo R.D. 630/2013 de 2 de agosto, foi remitida o 18 de setembro de 2017 ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente polo Alcalde do concello de Teo (A Coruña).
- Esta consulta resolveuse ese mesmo ano 2017 por parte do Comité Científico do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través dun Ditame non vinculante no que se conclúe, textualmente: “(…) (E. camaldulensis y E. globulus) (…) se consideran transformadoras del medio, modificando el funcionamiento de los ecosistemas y alterando las características físico-químicas del suelo, desplazando flora y fauna autóctona, disminuyendo la biodiversidad, aumentando el riesgo de incendios y colonizando espacios abiertos tanto naturales como semi-naturales y antrópicos. (…) [Eucalyptus] presentan un alto riesgo de invasión en nuestro territorio, hecho ya consumado para E. camaldulensis y E. globulus. Según el criterio de la IUCN (2000) todas las especies de Eucalyptus naturalizadas en España presentan carácter invasor y capacidad transformadora del medio. (…) se concluye incluir en el Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, regulado por el R.D. 630/2013, de 2 de agosto, bajo el criterio de la IUCN (2000) a todas las especies de Eucalyptus naturalizadas en España por su carácter invasor y capacidad transformadora del medio (…)”.
- Fronte a estas conclusións, o Goberno de España empregou como argumento para rexeitar o ditame do Comité Científico do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente un informe asinado polo profesor L. Gil que negaba o impacto ambiental e a invasividade do Eucalyptus nitens e de todas as árbores do xénero Eucalyptus en España, e que foi citado na Resolución de 9 de febreiro de 2018 da Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental y Medio Natural (VER ANEXO “Informe_Luis_Gil_E_nitens. pdf”). Porén, o profesor L. Gil incorreu nun presunto CONFLITO DE INTERESES polos seus vínculos coa pasteira ENCE, beneficiaria última da non catalogación dos eucaliptos como invasores en España (Luis_Gil_Eucalyptus_proceeding.pdf). Este presunto conflito de intereses é algo que podería invalidar o seu informe segundo o Código Ético e de Integridade Pública do propio Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (VER ANEXO “ConflitoDeIntereses.pdf”)
- Houbo un recurso de alzada do concello de Teo contra a devandita Resolución de 9 de febreiro de 2018 da Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental y Medio Natural, pero que a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Justicia de Madrid, no Procedemento Ordinario 836/2018, que fallou a favor da desestimación deste recurso de alzada (Resolución de la Secretaría General Técnica del Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente de 5 de xuño de 2018).
- En 2018, tras unha pregunta da europarlamentaria M. L. Senra á Comisión Europea acerca do informe do Comité Científico do Ministerio de Agricultura español, a Comisión respondeu que coñece e estudou o informe do Comité e afirma que “sería necesario seguir traballando para transformalo nunha avaliación do risco antes de que puidera utilizarse para considerar a inclusión das especies na lista da Unión” e engade que “sobre a base das probas presentadas no informe, España podería abordar as especies como unhas especies exóticas invasoras de interese nacional, aínda que non figuren na lista da Unión” (europarl.europa.eu/doceo/ document/E-8-2018-002210-ASW_EN.html).
- Que existen novas evidencias do carácter invasivo do xénero Eucalyptus posteriores a 2017, e que non se recollen, loxicamente, nin no Ditame do Comité Científico nin no informe do profesor L. Gil. Parte destes argumentos son detallados pola Sociedade Galega de Historia Natural, no que se cita bibliografía ata 2019 en relación coa invasividade do eucalipto (VER ANEXO “SGHN_invasividade_eucalipto.pdf”). En artigos científicos recentes, sen declararse conflitos de intereses, tamén se pon de manifesto a capacidade invasora dos eucaliptos en matogueiras e bosques de ribeira, mesmo en zonas protexidas, en España e Portugal (VER ANEXO “Invasividade_globulus_2019.pdf” e “Invasividade_eucalipto_2022.pdf”).
- Despois de 2017 seguen a existir indicios de conflitos de interese en publicacións relativas ao eucalipto: en 2020, a Asociación Forestal Galega publicou o artigo “O eucalipto en Galicia: aspectos ambientais e socioeconómicos”. Entre os autores estaban os profesores R. Calvo e F. Macías, investigadores e colaboradores do GI-1620 “Modelización ambiental” da Universidade de Santiago de Compostela. Cómpre sinalar que o GI-160 ten relación co Grupo Empresarial ENCE (https://investigacion.usc.gal/grupos/4630/colaboracion). Tamén asina F. J. Silva-Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra, contiguo a ENCE). Este centro de investigación ten vínculos co centro de investigación de ENCE; de feito, o falecido G. Toval foi director sucesivamente de ambos centros, onde “impulsó la mejora genética del eucalipto y la obtención de clones de eucalipto globulus adaptados a Galicia” (campogalego.es/fallece-gabriel-toval-director-en-dos-etapas-del-centro-de-investigacion-forestal-de-lourizan/).
- No devandito artigo “O eucalipto en Galicia: aspectos ambientais e socioeconómicos”, afírmase que “(…) O seu interese produtivo para o propietario forestal determina a súa elección preferente para desenvolver un cultivo forestal rendible (…). Esta é a causa da súa ampla utilización e da superficie que actualmente ocupa, que de ningún modo se pode confundir cun suposto carácter invasivo de ningunha das especies cultivadas de eucalipto (entendendo por invasora aquela especie que non admite unha xestión e control do seu emprazamento, despraza por si mesma especies autóctonas ou, tras a súa presenza durante anos, non permite o desenvolvemento doutro uso alternativo do territorio, se as circunstancias así o aconsellaran) senón por un interese socioeconómico activo por parte dos propietarios forestais (…)”. Nega, pois, o carácter invasor do eucalipto ignorando datos científicos que así o sinalan, do mesmo xeito que o profesor L. Gil, e coa sombra do conflito de intereses.
- Existe unha urxencia na declaración do xénero Eucalyptus como invasor a nivel galego/español/europeo, debido á súa crecente ameaza no relativo á propagación de grandes incendios, como o acontecido en xuño de 2017 nos eucaliptais que rodeaban Pedrógão Grande (Portugal), e que causou 65 mortos e 254 feridos. Existe unha correlación entre eucaliptais e lumes, cando menos na Galicia occidental (VER ANEXO “Eucaliptos-lumes.png”.
- Tamén é crítico evitar a proliferación dos eucaliptos polo seu claro impacto na biodiversidade, facendo diminuír a diversidade e densidade de especies nativas nas situacións estudadas e expostas nun artigo da Sociedade Galega de Historia Natural (ver SGHN_biodiversidade-eucalipto. pdf e “SGHN_alelopatia.pdf”).
- Os seus impactos sobre as reservas de auga doce, en constante presión por causa dos usos abusivos, infraestruturas liñais e do cambio climático, deben ser suficientes para desbotar novas plantacións de árbores do xénero Eucalyptus, nas que cada individuo chega a consumir ata 20 litros de auga ao día (ver SGHN_eucaliptos-auga.pdf).
- Por último, os seus impactos sobre os solos están ben documentados cientificamente, e invalidan o discurso da industria pasteira que afirma que as plantacións de eucaliptos “melloran o solo” (ver SGHN_eucaliptos-solo.pdf).
- Máis información: https://seo.org/si-a-los-bosques-autoctonos-no-a-los-eucaliptos/ e https://verdegaia.org/brigadas/