Opinión de SGHN sobre os “pellets” e a contaminación por mesoplásticos

Os gránulos de plástico constitúen unha categoría importante de plásticos atopados no ambiente. Na UE, as estimacións de perdas operativas e incidentais anuais no medio ambiente están entre 16 000 e 167 000 toneladas (OSPAR Commision, 2018). Actualmente, os gránulos de plástico son omnipresentes en ambientes acuáticos. Atópanse en praias, na superficie do mar, en organismos mariños, nas aves mariñas e nos sedimentos do mar (Turner e Holmes, 2011; Lechner et al., 2014; Mani et al., 2016; Moreira et al., 2016; Karlsson et al., 2018; Corcoran et al., 2020; van Franeker et al., 2021; Hunter et al., 2022; Cedre, 2023).

Os “pellets” ou gránulos de plástico

Os denominados coma “pellets” son gránulos de plástico industrial. Os gránulos de plástico son a materia prima empregada pola industria para producir unha gran maioría de produtos plásticos. Un pellet defínese como unha pequena masa de material de moldura preformada, que tendo dimensións relativamente uniformes nun lote dado, é usado como materia primaria en operacións de moldura e extrusión (Organización Internacional para a Normalización (ISO) 472: 2013). A maioría teñen un tamaño de entre 2 e 5 mm e xeralmente son cilíndricos, pero existen en formas ovais, esféricas ou cúbicas. Poden ser transparentes, translúcidos ou de cor. Polo seu tamaño deben ser considerados coma mesoplásticos. Estas clases de tamaño e propiedades morfolóxicas son vantaxosas para a súa detección, xa que é relativamente fácil recoller mostras na costa e analizalas para identificar os pellets de plástico (MSFD Technical Group on Marine Litter, 2023). Sen embargo, é moi difícil detectalos no medio mariño e imposible de realizar limpezas en alta mar.

A industria dos gránulos de plástico é controlada por varios regulamentos internacionais, normativas da UE e Plans de Acción Rexional (European Commission, 2018). Actualmente, a contaminación por “pellets” de plástico son monitoreados na UE e por varios programas de ciencia cidadá nas liñas costeiras de diferentes países (HELCOM, 2021). A contaminación de “pellets” de plástico é un problema nas distintas etapas do manexo, transporte e fabricación de “pellets”. A contaminación provocada por eventos debidos a accidentes provoca graves impactos económicos, sociais e ambientais (OSPAR Commission, 2020).

Os “pellets” plásticos son sustancias altamente nocivas no medio acuático/mariño e deben ser tratadas coma residuos industriais, xa que non son residuos urbanos. Non é a primeira vez que aparecen “pellets” deste tipo nas nosas costas, pero o evento de contaminación por “pellets” que comezou en decembro de 2023 si é o primeiro no que aparecen en gran volume, de forma destacada e con impacto social. O problema é gravísimo, aínda que dende unha visión simplista poida parecer que son poucas toneladas.

Dende a perspectiva da SGHN, a chegada masiva de “pellets” plásticos ás costas de Galicia é grave por tres cuestións: polo impacto no medio mariño, por ser un accidente marítimo que acontece periodicamente, e pola forma de xestionalo polas autoridades e pola sociedade.

Problemática polo impacto medioambiental

Hai unha gran diversidade de plásticos, que teñen en común estar formados por unha morea de compostos químicos, moitos deles con impacto tóxico demostrado como os ftalatos. Todos os polímeros plásticos teñen compoñentes que provocan toxicidade acuática crónica. Algúns tipos de polímeros flotan e aparecen na costa, outros non teñen flotabilidade e rematan nos fondos. Todos son movidos polas correntes mariñas e transportados a áreas próximas ou lonxanas do punto do accidente. Un evento deste tipo e similares poderían ter igual ou mais impacto que a meirande parte da contaminación por mesoplásticos provocada polas actividades humanas do litoral nun ano.  Non o sabemos con certeza. Descoñecemos o alcance exacto dos efectos desta contaminación puntual que provoca un “problema agudo”, pero non se debe minimizar este evento por comparativa cos plásticos habituais na costa, que constitúen tamén unha cantidade moi importante de residuos e son un “problema crónico” pero que debe tratarse doutra maneira, con estratexias a medio e longo prazo de eliminación (inexistentes actualmente).

Problemática pola cantidade de accidentes marítimos con verteduras de plásticos

O impacto recorrente destes accidentes marítimos é moi preocupante. Periodicamente hai buques cargueiros que perden cargas por accidentes debido á temporais importantes e/ou problemas técnicos na estiba dos contedores. A Organización Marítima Internacional (IMO)  establece o tipo de transporte e medidas de seguridade nos buques dependendo da natureza dos materiais transportados. O problema é que o transporte de moitos produtos plásticos, incluíndo materias primas coma os “pellets”, non está suxeito a medidas especiais de seguridade e se transportan en contedores, que poden caer ó mar e provocar un vertido masivo de “pellets”. É necesario instar ás autoridades para que se modifiquen as normativas de transporte internacional e que este tipo de mercadorías sexan transportadas de forma mais coidadosa. Os gobernos non deben demorar os cambios na lexislación nacional ou rexional e nas normas internacionais. A clasificación dos “pellets” como contaminantes mariños pola Organización Marítima Internacional (IMO) provocaría melloras significativas na forma en que os “pellets” están envasados, etiquetados, almacenados e transportados en todo o mundo. Estes cambios na práctica axudarían a reducir a probabilidade da perda periódica de “pellets” no mar (e tamén en terra) e mitigarían os eventos de contaminación mariña masiva provocados por perda de contedores debido a catástrofes do transporte marítimo (FFI, 2022).

Portacontedores da navieira Maersk (a que tiña contratado o barco que perdeu os contedores)

Problemática polo xeito de xestionar a limpeza polas autoridades e pola sociedade.

Lamentablemente, a xestión dos grandes eventos de contaminación no mar e na costa é manifestamente mellorable: non existen sistemas de alarma temperá realistas para tomar decisións axeitadas e eficaces no primeiro momento deste tipo de acontecementos. Os protocolos que existen actualmente demostraron e volven a demostrar ser ineficaces. A resposta das autoridades locais, rexionais e estatais, responsables da xestión de problemas ambientais e sociais, se complica por motivos legais (competencias administrativas), técnicos (falta de medios humanos, material e formación), económicos (inexistencia de orzamentos adecuados para tratar eventos de contaminación mariña) e políticos (falta de consenso entre partidos políticos para aceptar responsabilidades e actuar de xeito coordinado entre todas as autoridades locais, provincias, autonómicas e estatais). A crise provocada por este evento demostra que Galicia non está axeitadamente preparada para un evento de contaminación na costa, a pesar dos avances dos últimos anos tras o desastre provocado polo vertido do petroleiro Prestige.

Ocorre que a limpeza do litoral en Galicia é esaxerada durante o verán por mor do turismo e o uso intensivo das praias, e é practicamente inexistente durante o inverno, precisamente cando os temporais e correntes arroxan moitos residuos plásticos ós areais. Practicamente todas as limpezas son realizadas por iniciativas cidadás e organizacións sen ánimo de lucro. Tamén cando acontece un evento catastrófico, queda patente que estas organizacións e o voluntariado ambiental son os primeiros en realizar as necesarias accións de limpeza nas praias. Falta que as Autoridades Administrativas de Galicia resposten cando chega o problema con inmediatez. E faise necesario un programa operativo a medio e longo prazo para descontaminación das costas de Galicia e a eliminación continua de residuos plásticos no litoral, establecendo programas de seguimento científico dos plásticos (macro, meso e microplásticos) nas augas galegas para minimizar o efecto tóxico en caladoiros de pesca, zonas de marisqueo e na biodiversidade mariña e costeira.

Limpeza mecanizada dunha praia no verán

A Asociación de Oceanógrafos de Galicia ven de subir documentación da IMO (Organización Marítima Internacional) moi relevante, incluído documentos en español cunha referencia moi útil: “Directrices sobre la limpieza de pellets de plástico procedentes de derrames procedentes de buques

Referencias científicas

  • Cedre, 2023. State of knowledge on pollution by plastic pellets (https://doc.cedre.fr/index.php?lvl=notice_display&id=11222).
  • Corcoran, P. L., de Haan Ward, J., Arturo, I. A., Belontz, S. L., Moore, T., Hill-Svehla, C. M., Robertson, K., Wood, K., Jazvac, K., 2020. A comprehensive investigation of industrial plastic pellets on beaches across the Laurentian Great Lakes and the factors governing their distribution. Science of the Total Environment, Vol. 747, 141227.
  • European Commission, 2018. Commission communication A European strategy for plastics in a circular economy, COM(2018) 28 final.
  • Fauna & Flora International (FFI), 2022. Stemming the tide: putting an end to plastic pellet pollution.
  • HELCOM, 2021. Helcom Guidelines for Monitoring Beach Litter, Helsinki, doi:10.25607/OBP-1823.
  • Hunter, E. C., de Vine, R., Pantos, O., Clunies-Ross, P., Doake, F., Masterton, H., Briers, R. A., 2022. Quantification and characterisation of pre-production pellet pollution in the Avon Heathcote Estuary/Ihutai, Aotearoa New Zealand, Microplastics, Vol. 1, No 1, pp. 67 84, doi:10.3390/microplastics1010005.
  • Karlsson, T. M., Arneborg, L., Broström, G., Almroth, B. C., Gipperth, L., Hassellöv, M., 2018. The unaccountability case of plastic pellet pollution, Marine Pollution Bulletin, Vol. 129, No 1, pp. 52 60, doi:10.1016/j.marpolbul.2018.01.041.
  • Lechner, A., Keckeis, H., Lumesberger-Loisl, F., Zens, B., Krusch, R., Tritthart, M., Glas, M., Schludermann, E., 2014. The Danube s colourful: apotporri of plastic litter outnumbers fish larvae in Europe’s second largest river, Environmental Pollution, Vol. 188, No 100, pp. 177 181, doi:10.1016/j.envpol.2014.02.006.
  • Mani, T., Hauk, A., Walter, U., Burkhardt-Holm, P., 2016. Microplastics profile along the Rhine rive. Scientific Reports, Vol. 5, 17988, doi:10.1038/srep17988.
  • Moreira, F. T., Balthazar-Silva, D., Barbosa, L., Turra, A., 2016. Revealing accumulation zones of plastic pellets in sandy beaches, Environmental Pollution, Vol. 218, pp. 313 321, doi:10.1016/j.envpol.2016.07.006.
  • MSFD Technical Group on Marine Litter, Galgani, F., Ruiz-Orejón, L. F., Ronchi, F., Tallec, K., Fischer, E. K., Matiddi, M., Anastasopoulou, A., Andresmaa, E., Angiolillo, M., Bakker Paiva, M., Booth, A. M., Buhhalko, N., Cadiou, B., Clarò, F., Consoli, P., Darmon, G., Deudero, S., Fleet, D., Fortibuoni, T., Fossi, M.C., Gago, J., Gérigny, O., Giorgetti, A., González-Fernández, D., Guse, N., Haseler, M., Ioakeimidis, C., Kammann, U., Kühn, S., Lacroix, C., Lips, I., Loza, A. L., Molina Jack, M. E., Norén, K., Papadoyannakis, M., Pragnel-Raasch, H., Rindorf, A., Ruiz, M., Setälä, O., Schulz, M., Schultze, M, Silvestri, C., Soederberg, L., Stoica, E., Storr-Paulsen, M., Strand, J., Valente, T., van Franeker, J., van Loon, W. M. G. M., Vighi, M., Vinci, M., Vlachogianni, T., Volckaert, A., Weiel, S., Wenneker, B., Werner, S., Zeri, C., Zorzo, P., and Hanke, G., 2023. Guidance on the Monitoring of Marine Litter in European Seas An update to improve the harmonised monitoring of marine litter under the Marine Strategy Framework Directive, EUR 31539 EN, Publications Office of the European Union, Luxembourg, 2023, ISBN 978-92-68-04093-5, doi:10.2760/59137, JRC133594.
  • Organización Internacional para la Normalización (ISO), 2013. https://www.iso.org/obp/ui/#iso:std:iso:472:ed-4:v1:en
  • OSPAR Commission (2020), CEMP guidelines for marine monitoring and assessment of beach litter, OSPAR Agreement 2020-02.
  • van Franeker, J. A., Kühn, S., Anker-Nilssen, T., Edwards, E. W. J, Gallien, F., Guse, N., Kakkonen, J. E., Mallory, M. L., Miles, W., Olsen, K. O., Pedersen, J., Provencher, J., Roos, M., Steinen, E., Turner, D. M., van Loon, W. M. G. M., 2021. New tools to evaluate plastic ingestion by northern fulmars applied to North Sea monitoring data 2002 2018. Marine Pollution Bulletin, Vol. 166, p. 112246