Un presunto bosque iluminado…
Hai agora catro anos, o 12/08/2015, a Xunta de Galicia licitaba a “PAC/005/15 Contratación polo procedemento aberto e contratación simplificada da obra de execución de rede de iluminación para camiños do Bosque de Galicia (Monte Gaiás – Santiago de Compostela) para a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (SEAGA)” por un importe de 226.398,29 € máis IVE.
Chamar pomposamente “Bosque de Galicia” a unha plantación cuadriculada de 11.730 árbores de 11 especies xa pon claramente de manifesto a absoluta ignorancia do que é realmente un bosque por parte dos responsables de tan pretencioso nome. Aínda que ao mellor eles pensan que lles temos que agradecer que alomenos non plantasen exemplares das especies exóticas (eucaliptos, acacias, piñeiros de Monterrei,…) que dominan a paisaxe forestal galega.
…e as árbores senlleiras esmorecendo
A D.X. de Patrimonio Natural (DOG nº 128, 8 de xullo de 2019) someteu a información pública o expediente de descatalogación dun total de 11 exemplares e formacións incluidos no Catálogo galego de árbores senlleiras. O expediente iniciouse por propia iniciativa da Dirección Xeral a resultas da sesión ordinaria do Comité de Árbores Senlleiras do 24/04/2019, que acordou “de forma unánime” “Como consecuencia da perda dos valores que motivaron a súa catalogación” informar favorablemente a descatalogación de:
- 8A. Araucaria excelsa (Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco) da Casa de Tenreiro (Pontedeume, A Coruña).
- 21A. Castiñeiro (Castanea sativa Mill.) do Souto de Mola (A Mezquita, Ourense).
- 24A. Castiñeiro (Castanea sativa Mill.) da Regadiña (A Pobra de Trives, Ourense).
- 31A. Camecíparis de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana (A. Murr.) Parl.) do Castelo de Soutomaior (Soutomaior, Pontevedra).
- 74A. Carballo albar (Quercus petraea (Mattusch.) Liebl.) da Praza do Campo de Quindous (Cervantes, Lugo).
- 75A. Rebolo (Quercus pyrenaica Will) da Praza do Campo de Quindous (Cervantes, Lugo).
- 103A. Teixo (Taxus baccata L.) da Casa de Tenreiro (Pontedeume, A Coruña).
- 122A. Nogueira (Juglans regia L.) de Licín (O Saviñao, Lugo).
- 25F. Buxeda (Buxus sempervirens L.) do Pazo de San Lourenzo (Santiago de Compostela, A Coruña).
- 31F. Tileiras prateadas (Tilia tomentosa Moench) do mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea, Ourense).
O Comité acordou tamén descatalogar o exemplar 109A. Araucaria excelsa (Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco) do Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), “Como consecuencia da súa morte biolóxica”.
Desidia, incompetencia ou desprezo?
O bochornoso caso do “Teixo dos Tenreiro” xa o puxera de manifesto SGHN hai cinco anos (máis…) como exemplo do case total abandono das nosas árbores e formacións arbóreas máis senlleiras por parte da Xunta de Galicia. Tamén o incumprimento pola Xunta de Galicia da normativa legal que ela mesmo estableceu co Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras:
- Artigo 8: “Para as árbores e formacións singulares que o requiran elaboraranse plans de xestión encamiñados á conservación, restauración e mellora”.
- Artigo 9: “As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos. A protección implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia.”
- Artigo 10: “A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá establecer un réxime de axudas económicas encamiñadas á súa conservación, protección e mellora ou, se é o caso, para realizar tratamentos fitosanitarios ou silvícolas de mantemento.”
82.535 € en 13 anos
En 13 anos a Xunta de Galicia non adicou a protexer as árbores e formacións arbóreas máis senlleiras de Galicia nin tan siquera a terceira parte do que gastou no alumeado do pretencioso “Bosque de Galicia”.
Poderíamos rematar cun “non temos máis que dicir” como diría o iniciador do megalomaníaco e faraónico proxecto da Cidade da Cultura. Pero facemolo pedindo o que consideramos imprescindible:
- Que se anule o expediente de descatalogación ata que se faga unha avaliación científica, integral e participada das árbores e formacións senlleiras que están a sufrir deterioro no seu estado de conservación, establecendo as pertinentes medidas para a súa conservación e preservación, mediante a disposición dos orzamentos necesarios para garantir o mantemento destes elementos clave do patrimonio natural de Galicia.
- Que se reformule o actual Comité de Árbores Senlleiras, substituíndo aos seus integrantes ao ser incapaces de dar cumprimento ás funcións legais encomendadas, e vinculando as súas decisións ao Observatorio Galego da Biodiversidade, a fin de que exista un órgano científico-técnico e político que poida valorar e no seu caso validar as súas actuacións e ditames.